Rouban cartos, lotaría de Nadal e baleiran toda a mercadoría das neveiras dun asador en Rois
Accederon por unha fiestra e sospeitan que usaron unha furgoneta para cargar toda a mercadoría subtraída
Santiago Tarrío leva 14 anos á fronte da Taberna Angueira en Augasantas, en Rois. Xa foi vítima dalgún roubo pero o do luns foi o máis cuantioso pola cantidade de mercadoría subtraída.
A cociñeira, que é a primeira en chegar ao negocio, levou a desgusto da súa vida, como explica o propietario. Chamouno para advertilo de que tiña a neveira baleira e non podía empezar a cociñar. Logo decatouse do roubo e volveu chamalo chorando.
Santiago relata que rebentaron a máquina comecartos, levaron a rexistradora cuns 200 euros, outros 200 euros en lotaría de Nadal e todo canto tiñan nas neveiras: carne, polbo, marisco, embutidos e queixos.
Sospeitan que o roubo foi obra de varias persoas e que usaron unha furgoneta para poder cargar toda a mercadoría. Accederon pola entrada lateral que dá ao aparcamento e para entrar na cociña desmontaron o vidro dunha ventá. Santiago cre que foi cousa de delincuentes profesionais.
Malia que aínda non fixo reconto do valor económico de todo o que lle levaron, o que máis lamenta Santiago é que lle roubaran a tranquilidade.
A Garda Civil xa investiga o roubo pero Santiago non quere arriscarse a recibir de novo a visita dos amigos do alleo e por iso está implementando a instalación de medidas de seguridade no local.