Unha veciña de Carral frustra un roubo na súa vivenda
Cre que ao acender as luces das escaleiras, os ladróns decatáronse de que había xente na vivenda e fuxiron
"Eran as oito menos vinte. Estaba metida na cama e tiña a televisión acendida. Oín un tumbo moi forte. Quiteille voz á televisión e volvín escoitar outro tumbo. Erguinme rapidamente e acendín as luces das escaleiras. Pero seguía escoitando ruidos. E fun correndo a coller o meu teléfono para chamar o meu marido. Xa non atinaba co número del, era imposible. Tremíanme as pernas. Collín o teléfono, abrín a persiana do meu cuarto, coa luz acendida, metinme no cuarto de baño de arriba e pecheime", relata Sonia Rodríguez, a propietaria dunha casa de Carral onde os ladróns non consegurion acceder.
Nese estado de nerviosismo, Sonia, que estaba soa, conseguiu chamar o seu marido. Murmurando, pediulle que fora á casa porque estaban intentando entrar a roubar. En dez minutos, o home xa estaba alí.
"E foi cando saín do cuarto de baño. Baixei as escaleiras e díxenlle ao meu marido. neno, aquí hai cristais. Entón, mirou para o cuarto de baño e xa vimos a persiana rota, a ventá aberta, o crital roto... Todo, todo", engade Sonia.
Cre que en canto acendeu as luces, os ladróns decatáronse de que na casa había xente, e fuxiron.
"Quero pensar que foi así. Déronse conta de que había xente na casa e, como me dixo a Garda Civil, esta xente non quere enfrontamentos. E pensando friamente agora digo: se lles chego a berrar, ao mellor non rompen nada. Porque xa se daban conta de que había xente na casa".
Onde non había ninguén era noutra casa onde si conseguiron entrar. Sonia non pode concretar se antes ou despois de ir á dela.
"O meu veciño ten como un porche de cristal pola parte de atrás e entráronlle por alí. Remexéronlle unha habitación toda e creo que non lle levaron nada. Creo. Tamén lle entraron a un rapaz que é bombeiro. Alí tampocuo había ninguén e non sei se lle levaron algo".
Con esa tarde de terror que viviu, Sonia di que agora xa non está tranquila e que non é quen de conciliar o sono se non está o seu marido na casa.