Detido un dos acusados de perseguir e estragar o coche dun mozo en Cangas
Os encapuchados perseguían a vítima a gritos de "maricón" e "vermello de merda"
O Colectivo O Morrazo Antifascista convoca unha protesta en forma de concentración o sábado día 7 de novembro ás 19:30 fronte ao Concello
A Garda Civil detén un dos cinco acusados de perseguir e estragar o coche dun mozo en Cangas. Mentres que perseguían a vítima, os presuntos agresores gritábanlle "vermello de merda, maricón".
Segundo relata o corpo policial a Europa Press, o pasado martes un mozo interpuxo unha denuncia alegando que mentres conducía, decatouse de que outro vehículo o perseguía con cinco persoas encapuchadas dentro. No momento en que o denunciante decidiu coller a mochila co ordenador dentro, baixar do coche e tratar de fuxir correndo, os encapuchados tamén continuaron perseguíndoo a pé. Para conseguir escapar, a vítima veuse obrigada a deixar a mochila atrás. Cando volveu, a mochila xa non estaba e o coche sufrira grandes danos, con faros rotos e o espello retrovisor desfeito.
A Garda Civil detivo este mércores un dos presuntos autores do delito, o cal pasou a disposición xudicial e quedou en liberdade con cargos investigado por un delito de odio.
Reacción nas rúas impulsada polo colectivo O Morrazo Antifascista
O Colectivo O Morrazo Antifascista denunciou tamén os feitos, dándolle voz ao relato do denunciante e engadindo que os encapuchados perseguírono ata a casa armados con porras mentres gritaban: "Vermello de merda, maricón. Fillo de puta. Ímoste rebentar". Ademais, o colectivo asegurou: "Consideramos que isto non foi un feito illado, senón que se trata dunha agresión fascista perpetrada por un grupo de neonazis a unha persoa pola súa militancia política e social dentro da comarca". En resposta ás agresións, o Colectivo O Morrazo Antifascista convocou unha concentración o próximo sábado 7 de novembro, ás 19:30 no Concello para condenar os feitos.