Os taxistas e repartidores deberán circular con cinto de seguridade en cidade
A obrigatoriedade, recollida no Regulamento Xeral de Circulación da DXT, entre en vigor o 1 de outubro
A maioría dos taxistas xa circulaba con el posto por seguridade
A partir do primeiro de outubro os taxistas deberán poñer o cinto de seguridade tamén cando conducen dentro da cidade. Ata agora o seu uso era opcional, igual ca para os profesores de autoescola e condutores de vehículos de mercadorías.
Un taxista non só move xente dun lugar para outro, e menos en cidades turísticas como Santiago, onde moitos dos clientes chegan cargados de equipaxe que hai que gardar ou xente maior que precisa axuda para acomodarse.
Por ese motivo, ata agora os taxistas non estaban obrigados a circular con cinto dentro da cidade, pero a maioría leva anos facéndoo.
"Eu normalmente xa facía uso do cinto. Paréceme ben, todo o que sexa por seguridade. Para nós igual é un pouco de incordio por andar quitando e poñendo, sobre todo cando hai que recoller maletas, pero tampouco é algo que saia do común", di un taxista.
"Eu sempre uso o cinto e consideron que é necesario aínda que sexa en traxectos curtos porque un accidente nunca sabes onde o vas ter", di outro.
Os avisos acústicos cando non levan o cinto posto xeran incomodidade. Ademais, consideran que deben servir de exemplo para os seus clientes que si están obrigados a poñer o cinto.
"Agora nestes coches modernos se non o pos pítache continuamente e rómpeche a cabeza, tanto aos clientes como a nós. Eu sempre aviso os clientes de que teñen que poñer o cinto".
"Sempre nos preguntan se teñen que poñer o cinto. Sempre lles digo que é unha decisión persoal pero que se nos paran si que os van multar. Entón, nada máis escoitar iso xa o poñen".
A obrigatoriedade, recollida no Regulamento Xeral de Circulación da DXT, tamén lles afecta aos condutores de vehículos de mercadorías e profesores de autoescolas que a partir do día 1 serán coma calquera outro condutor.