Publicador de contidos

Publicador de contidos

España acollerá nas Canarias o cruceiro cun gromo de hantavirus a petición da OMS

España acollerá nas Canarias o cruceiro cun gromo de hantavirus a petición da OMS

España tamén aceptou unha petición formal do Executivo dos Países Baixos para acoller o médico do barco, que se atopa en situación grave

G24.gal 05/05/2026 22:31 Última actualización 06/05/2026 09:01

España acollerá nas Canarias o cruceiro cun gromo de hantavirus a petición da Organización Mundial da Saúde (OMS) en "cumprimento do Dereito Internacional e o espírito humanitario", segundo informou o Ministerio de Sanidade.

España tamén aceptou unha petición formal do Executivo dos Países Baixos para acoller o médico do cruceiro MV Hondius, que se atopa en situación grave, e que será trasladado a Canarias nun avión hospitalizado neste martes.

O Goberno español dará a coñecer os detalles do protocolo tan pronto como sexan definidos pola OMS e o Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECDC) e informará "puntualmente sobre a súa implementación", segundo Sanidade.

A embarcación MV Hondius atópase en Cabo Verde, onde recalou tras detectar un gromo de infección por hantavirus.

O Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECDC) está a realizar un exame exhaustivo do barco para determinar que persoas deben ser evacuadas de urxencia no propio Cabo Verde e o resto seguirán rumbo ás Canarias, onde esperan arribar no prazo de 3 ou 4 días.

Segundo Sanidade, o porto canario ao que chegará aínda non foi definido.

Unha vez alí, tripulación e pasaxeiros serán convenientemente examinados, atendidos e trasladados aos seus correspondentes países.

O proceso será articulado mediante un protocolo común de manexo de casos e contactos elaborado pola OMS e o ECDC, e contará con todas as garantías de seguridade necesarias, explicou Sanidade nun comunicado.

Tanto a atención médica como os traslados realizaranse en espazos e transportes especiais habilitados 'ad hoc' para esta situación, evitando todo contacto coa poboación local e velando en todo momento pola seguridade do persoal sanitario.

A Organización Mundial da Saúde explicou que Cabo Verde non pode realizar esta operación e que as Illas Canarias son o lugar máis próximo coas capacidades necesarias.

Segundo Sanidade, España ten unha obriga moral e legal de auxiliar a estas persoas, entre as que se atopan ademais varios cidadáns españois.

En virtude desta mesma lóxica, e como parte do operativo, decidiuse trasladar xa ao médico do cruceiro ás Canarias.

O barco partira da Arxentina con destino ás Canarias

O barco, que partiu do porto arxentino de Ushuaia e dirixíase a Cabo Verde, con destino final As Canarias, transporta a un total de 147 persoas (incluíndo 88 pasaxeiros e 59 tripulantes), dos cales 13 pasaxeiros e un tripulante son de nacionalidade española, cinco dos cales residen en Cataluña.

O pasado sábado 2 de maio, a OMS recibiu unha notificación do Punto Focal Nacional do Regulamento Sanitario Internacional do Reino Unido sobre un brote de enfermidade respiratoria grave de causa inicialmente descoñecida, con tres defuncións e un caso en estado crítico, a bordo dun cruceiro con bandeira dos Países Baixos.

Ese mesmo día, as probas de laboratorio confirmaron a infección por hantavirus nun dos casos e, adicionalmente, notificáronse dous casos sospeitosos con síntomas respiratorios leves e/o síntomas gastrointestinais.

Dous dos pasaxeiros falecidos realizaran unha viaxe por Suramérica, antes de embarcar no cruceiro, e descoñécese o grao de contacto dos pasaxeiros con fauna local durante a viaxe ou antes do embarque.

3 pasaxeiros evacuaranse aos Países Baixos

O buque está a preparar a evacuación aos Países Baixos de tres persoas que requiren atención médica urxente, en coordinación estreita coas autoridades relevantes, informaron nun comunicado a empresa e o Ministerio de Exteriores de Países Baixos.

"Estas tres persoas, incluíndo un nacional neerlandés, van ser evacuados aos Países Baixos, onde recibirán o tratamento médico necesario. O Ministerio de Exteriores está a apoiar a empresa do cruceiro na evacuación en coordinación estreita coas autoridades de Cabo Verde, o Instituto Nacional de Saúde Pública dos Países Baixos, as institucións sanitarias e os países de orixe dos pasaxeiros do barco", dixo o ministerio

Os tres pasaxeiros que van ser evacuados, son dous infectados que requiren atención médica urxente e un terceiro contacto de risco, pois está relacionado co falecido o 2 de maio. Van ser trasladados aos Países Baixos a través  de dúas aeronaves especializadas que xa se dirixen a Cabo Verde.

Unha vez realizada a evacuación, a navieira di que o cruceiro retomará a travesía "con intención de dirixirse ás Canarias" a onde ten previsto chegar tras tres días de navegación.

España, partidaria de evacuar os casos sintomáticos en Cabo Vede

Nun primeiro momento a OMS dixera que o cruceiro navegaría rumbo ás Canarias para evacuar os enfermos. Pero máis tarde, tras reunirse co Ministerio de Sanidade, acordaron enviar primeiro un equipo de epidemiólogos ao barco para revisar antes o estado dos pasaxeiros, Sanidade propoñía evacuar en Cabo Verde os casos sintomáticos e os contactos de alto risco e que o barco continuase, sen efectuar escala nas Canarias. 

"Vai intentar que en Cabo Verde se evacúen os casos sintomáticos e os contactos de alto risco (hai un identificado, e avaliarase se hai outros máis)", segundo informou o departamento que dirixe Mónica García.

Nese caso, engadiu o Ministerio, "non habería motivo clínico para realizar, na nosa opinión, unha escala nas illas Canarias, salvo que aparecesen novos casos sintomáticos durante o traxecto entre Cabo Verde e as illas Canarias".

Aínda que se isto último ocorrese, "polo principio de prestación de socorro, estaría xustificada a atención", especificaron. O Ministerio de Sanidade remarcou que a súa intención é "avaliar a situación continuamente" e prestar a axuda necesaria, xunto aos distintos axentes internacionais implicados, e en contacto co Goberno de Canarias.

Precisamente o presidente desta comunidade autónoma, Fernando Clavijo, expresou este martes en Bruxelas o seu convencemento de que o buque en que se declarou un gromo de hantavirus durante unha travesía polo Atlántico Sur debe ser atendido onde está, en Cabo Verde.

Nunha situación como a actual, o Ministerio de Sanidade considerou que debe efectuarse un "balance entre os riscos e os beneficios das distintas actuacións" ante unha situación sanitaria.

Os hantavirus transmítense principalmente polo contacto con feces ou urina de roedores infectados ou con superficies contaminadas e, dado que os hantavirus presentes en Europa non se transmiten de persoa a persoa e que non se detectou ningún caso de infección en España, o risco xeral de transmisión desta enfermidade considérase "moi baixo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade