Volven as eirugas máis temidas ao parque coruñés de Santa Margarida
A presenza da procesionaria volve espertar a preocupación entre os propietarios de cans
A recomendación é clara: non tocar as eirugas e manter os cans e os nenos afastados das zonas de piñeiros
A procesionaria volve a facer acto de presenza no parque coruñés de Santa Margarida.
"É unha eiruga que se reproduce nos piñeiros, son estes niños que vemos que parecen teas de araña e, ao final do verán, comezan a baixar á terra", explica Pablo Martínez, veterinario da clínica IVC Evidensia Alfonso Chico.
"Estaba paseando con outras mozas que tamén traen os cans e dixéronme que aquí había moita procesionaria. E agora viña fixándome porque hai que ter coidado porque son bastante perigosas tanto para os cans como para os nenos".
Soen desprazarse en ringleira polo chan e están cubertas de pelos urticantes que poden provocar reaccións alérxicas e irritacións.
"Os cans van xogando, cheirando, collendo cousas..., se roen unha, xa lles entra a enfermidade".
"Cando os cans van lamber, poden provocar lesións importantes", asegura Palo Martínez.
Así que para evitalas, os donos dos cans extreman as precaucións.
"Eu lévoo con correa". "O ano pasado un can estivo moi maliño porque tivo contacto coa procesionaria. Segue vivo...".
Neste caso, os expertos recomendan actuar con rapidez.
"Mellor non manipular o can e chamar rapidamente e acudir a unha clínica veterinaria para atopar unha solución", conclúe Pablo Martínez, veterinario da clínica IVC Evidensia Alfonso Chico.
A recomendación é clara: non tocar as eirugas e manter os cans e os nenos afastados das zonas de piñeiros.