Publicador de contidos

Publicador de contidos

Exhibicións de cans de pastoreo e axentes caninos da Policía Local pechan URBANDOG

Exhibicións de cans de pastoreo e axentes caninos da Policía Local pechan URBANDOG

As xornadas promoven o benestar animal e a convivencia responsable na Coruña

G24.gal 04/10/2026 14:37

Na Coruña hai máis de trinta mil cans censados, pero moi poucos, por non dicir ningún, teñen unhas habilidades tan extraordinarias como as que exhibiron esta mañá os Border Collie da asociación de cans pastores de Galicia e os axentes caninos da Policía Local. 

Suso comezou a adestrar a Viko cando o can tiña catro meses. Agora ten seis anos. Desde hai catro forman binomio profesional na unidade de protección de menores.

"Vimos que a relación dos menores cos cans nos abre moitas portas e ademais tamén nos serve como prevención de vixilancia en institutos e locais de ocio", explica Suso Rial, guía canino na Policía Local da Coruña

Loki canaliza a súa enerxía e o seu instinto de xogo na unidade de tráfico. Juanjo adoptouno nunha protectora con pouco máis de tres meses. Coma Viko, está especializado na detección de drogas.

"O can ten unha ferramenta extraordinaria que é o seu olfacto. Á hora de revisar vehículos, locais... conseguen chegar a onde non chegamos nós", comenta o axente Juanjo Quintas.

"Rexistran persoas, vehículos ou mochilas e cando detectan a substancia que se lles asocia, quedan inbómiles mirando o obxecto no que se agocha", detalla o seu compañeiro.

Puidemos comprobar a súa eficacia nunha das exhibicións das xornadas URBANDOG. Despois entraron en acción os cans da asociación Acapagal. Intelixencia, axilidade, resistencia e instinto xenético ao servizo do pastor e dos rabaños.

"Son coma lobos, pero sen atacar as ovellas. Teñen a atracción e o axexo, o instinto de achegarse ás ovellas e de agrupalas", indica Francisco Sobral, da asociación Acapagal.

As ovellas acabaron agrupándose no curro, o mellor peche para un encontro impulsado desde o Concello para promover o benestar animal e a convivencia responsable.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade