Detido por acoitelar outro home nun local de hostalería de Lugo
Tivo que ser evacuado de urxencia en ambulancia para recibir atención médica no Hospital Universitario Lucus Augusti
O suposto agresor foi detido e traslado a dependencias policiais
Operativo da Policía Local de Lugo
Axentes da Policía Local de Lugo detiveron un home como sospeitoso de apuñalar a outro nun local de hostalería na zona norte da cidade, que tivo que ser evacuado de urxencia en ambulancia para recibir atención médica no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
Fontes da propia Policía Local de Lugo informaron a EFE de que unha patrulla que realizaba labores de vixilancia esta pasada madrugada polo barrio da Milagrosa, viu como un home saía dun local de hostalería ensanguentado e suxeitando o abdome coas mans.
De inmediato, os axentes baixáronse do coche patrulla e acudiron no seu auxilio. A primeira ollada comprobaron que presentaba feridas aparentemente provocadas por unha arma branca, polo que solicitaron a intervención dos servizos sanitarios de emerxencias.
Cando chegaron os sanitarios, que tras prestarlle os primeiros auxilios evacuárono de urxencia ao HULA, os axentes accederon ao local, situado na rúa Río Navia, en cuxo interior localizaron o suposto agresor, que foi detido e traslado a dependencias policiais.
As mesmas fontes indicaron que os axentes tamén recuperaron a arma supostamente empregada na agresión, amais de solicitar o testemuño de varias testemuñas do sucedido.