Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un proxecto experimenta en Porto do Son co futuro da xestión forestal galega

Un proxecto experimenta en Porto do Son co futuro da xestión forestal galega

A comunidade forestal de Baroña, en Porto do Son, apostou por unha diversificación dos montes máis alá da venda de madeiras

O proxecto Multi-Forest recorre á tecnoloxía e a certificación de productos ecolóxicos para diversificar os ingresos para os comuneiros

Unha xestión forestal sostible loita contra o cambio climático, os incendios e evita o abandono do rural

G24.gal 04/10/2026 14:50

Chámase Multi-Forest e é un proxecto que pretende xerar recursos e servizos nos montes máis alá da produción de madeira, loitando contra o cambio climático, os incendios e o abandono rural.

"Trátase de entender mellor os recursos que se están empregando, contabilizalos, revalorizalos a través de produtos con certificación ecolóxica", comenta Gabriel Santos, xestor de Proxectos da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).

Esta iniciativa está coordinada pola FEUGA en colaboración coa Universidade de Vigo, a Asociación Promotora de Certificación Forestal e a Comunidade de Montes en Man común de Baroña, no Porto do Son, na que se desenvolve esta experiencia piloto.

"Eses estudos con eses datos que foron capaces de facer dende as universidades, mesmo con tecnoloxía satelital a que non estamos acostumados no día a día, axúdanos a identificar que temos no monte para melloralo", incide Ovidio Queiruga, o presidente da comunidade de montes de Baroña (Porto do Son).

En Baroña a xestión forestal vai máis aló da explotación madeireira. Cabalos, vacas e ovellas  controlan a biomasa forestal e proporcionan recursos cárnicos. A través deste proxecto certificaron a xestión sostible doutros produtos. 

"Estamos afeitos a a certificar o produto principal do monte, que é madeira, pero tentabamos atopar esa multifuncionalidade que ten o monte de Baroña para poder chegar certificar o mel e a carne de cabalo. Foron dos fitos moi importantes porque en Galicia non existía a certificación do mel. Si que hai xa algún certificado en España, pero en Galicia é a primeira comunidade que conta coa certificación (sostible) de mel. En canto á certificación da carne de cabalo, podería asegurar que é a primeira a nivel mundial que está certificada", relata Elsa Grille, xerente da Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal (PEFC).

O proxecto Multi-Forest está financiado pola Unión Europea, a Xunta e o Ministerio de Agricultura e recentemente analizaban os resultados para poder espallalo a outros puntos de Galicia.

"Ter diferentes fontes de ingresos permitelle asegurarse diante de posibles riscos e eventos futuros que poidan acontecer. Se un ano, por exemplo, teñen un incendio e unha masa forestal vese afectada, eles terían outras fontes de ingresos a través doutros produtos", explica Xana Álvarez, investigadora do grupo Hydroforest da Universidade de Vigo.

"Non só se trata de pensar en termos produtivos e económicos senón tamén en termos ambientais e sociais, que o que fan é tamén que sexa máis atractivo e apetecible vivir no rural", lembra o presidente da comunidade de montes de Baroña, Ovidio Queiruga.

O futuro do monte galego, tecnificado, diversificado e sostible semella que xa está aquí.

 

 

 

 

 

 


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade