A Audiencia excarcera a Chambers Jr. ante erros na solicitude de extradición de Estados Unidos
A Sala do Penal impuxo ao estadounidense como medidas cautelares a obriga de comparecer semanalmente ante o xulgado, de entregar o seu pasaporte e a prohibición de abandonar o país
Borja Sanchez-Trillo/EFE
A Audiencia Nacional acordou deixar en liberdade con medidas cautelares o filántropo James "Fergie" Cox Chambers Jr., ao recoñecer os Estados Unidos erros "substanciais e involuntarios" na tradución de documentos empregados para sustentar a súa petición de extradición contra el.
A Sala do Penal atendeu á petición de liberdade formulada pola defensa de Chambers, a quen impuxo como medidas cautelares a obriga de comparecer de forma semanal ante o xulgado, de entregar o seu pasaporte e a prohibición de abandonar o país.
Despois de aprazar a decisión sobre súa entrega, a sección segunda ditou este venres un auto no que recoñece que se produciu unha novidade procesal no procedemento. Trátase de que Estados Unidos remitiu un documento despois da vista de extradición no que recoñece erros na declaración xurada dun axente do FBI.
Segundo o que considera a defensa, esta é a evidencia de que os Estados Unidos alteraron de "mala fe" certos conceptos na tradución da documentación para así aumentar a gravidade dos feitos dos que está acusado e confundir as autoridades españolas, principalmente ao redor da cualificación de actos de terrorismo.