Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia mantén o aviso laranxa por ondas de ata 7 metros antes do regreso da chuvia intensa

Galicia mantén o aviso laranxa por ondas de ata 7 metros antes do regreso da chuvia intensa

O temporal marítimo afecta esta mañá a toda a costa galega, aínda que os avisos irán rematando progresivamente ao longo do día

Aemet activa avisos amarelos por chuvia desde esta noite e durante o sábado, con acumulacións que poden chegar aos 80 litros por metro cadrado na Baixa Limia

directo
G24.gal 20/11/2026 09:30

Galicia continúa este venres baixo os efectos do temporal marítimo, con avisos de nivel laranxa por ondas de entre cinco e sete metros en todo o litoral. A situación no mar irá mellorando progresivamente, pero a chegada dunha nova fronte atlántica provocará un empeoramento do tempo nas últimas horas da xornada, con chuvias que poderán ser localmente fortes e que se prolongarán durante o sábado.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), os avisos laranxa por fenómenos costeiros afectan ao litoral da Coruña, á Mariña lucense, ás Rías Baixas e á zona do Miño de Pontevedra. Ademais das ondas de ata sete metros, espéranse ventos do suroeste de entre 50 e 61 quilómetros por hora, forza 7, nas costas da Coruña e Lugo.

Os avisos por mala mar irán rematando progresivamente durante a mañá, aínda que o estado do mar continuará sendo adverso.

O sábado, chuvias intensas e ata 80 litros por metro cadrado

A chegada dunha fronte atlántica nas últimas horas deste venres deixará precipitacións xeneralizadas en Galicia, que poderán ser localmente fortes no oeste e sur da comunidade.

Aemet activa avisos amarelos por chuvia desde as dez da noite deste venres, que continuarán durante boa parte do sábado, ata as 22:00 horas, nas provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense.

As maiores acumulacións agárdanse no suroeste da Coruña, nas Rías Baixas, no interior e sur de Pontevedra e no sur de Ourense, onde poderán recollerse ata 60 litros por metro cadrado en doce horas. Na comarca ourensá da Baixa Limia, as precipitacións poderán alcanzar puntualmente os 80 litros por metro cadrado nese mesmo período.

No interior e oeste da Coruña, así como no Miño, noroeste e montaña de Ourense, os acumulados previstos son de ata 40 litros por metro cadrado en doce horas. Nas zonas baixo aviso tamén se poderán rexistrar precipitacións de 15 litros por metro cadrado nunha hora.

As chuvias estenderanse durante o sábado ás catro provincias galegas, acompañadas de ventos do suroeste que poderán soprar con forza, especialmente no litoral e nas zonas altas.

A situación tenderá a mellorar o domingo, cando se agarda unha diminución das precipitacións, aínda que poderán persistir algunhas chuvias débiles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade