O conselleiro de Educación pide á UE un marco regulatorio sobre IA como o aprobado en Galicia
Román Rodríguez defendeu en Bruxelas a nova Lei de Educación Dixital galega, que puxo como "exemplo de boas prácticas"
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, defendeu este mércores en Bruxelas que as novas tecnoloxías e a IA poden mellorar a educación, pero tamén que é necesario ensinar aos alumnos a utilizar estas ferramentas con sentido crítico.
Román Rodríguez avogou no Consello da Unión Europea pola "necesidade" de impulsar un marco regulatorio "multinivel" sobre Intelixencia artificial (IA) "como o que se acaba de aprobar en Galicia".
O conselleiro referiuse a nova Lei de Educación Dixital galega, a primeira deste tipo aprobada por unha comunidade e "un exemplo de boas prácticas", destacou Román Rodríguez, para o impulso de "políticas innovadoras" na aplicación da tecnoloxía e a intelixencia artificial no ensino.
A intervención de Román Rodríguez no Consello da Unión Europea débese a que Galicia ostenta durante este semestre a representación das comunidades autónomas ante este órgano a través da área de educación da Representación Permanente de España.
Entre as tarefas asignadas neste semestre, Galicia é a encargada de "canalizar, coordinar e consensuar" os puntos de vista, achegas e alegacións das autonomías para a súa incorporación á posición común do conxunto do Estado.