Publicador de contidos

Publicador de contidos

Terceira xornada de folga do profesorado do ensino concertado en Galicia neste curso

Terceira xornada de folga do profesorado do ensino concertado en Galicia neste curso

Están convocadas dúas manifestacións para este martes, unha na Coruña e outra Vigo, que darán inicio ás 12:00 horas

TVG TVG
G24.gal 10/11/2026 10:51

O profesorado da educación concertada galega está chamado a participar este martes nunha xornada de folga total convocada por CCOO, FSIE, UXT, FeUSO, SNEP e CIG ante os "incumprimentos" da Consellería de Educación.

Esta nova convocatoria chega despois da folga parcial celebrada o 9 de setembro, primeiro día de volta ás aulas, e o paro total do 6 de outubro, cuxo seguimento foi do 65 %, segundo os sindicatos, e que estivo acompañado por unha manifestación que percorreu as rúas de Santiago.

Segundo lembraron os sindicatos convocadores nunha conferencia de prensa este luns, as reivindicacións pasan pola convocatoria da Mesa Tripartita do ensino concertado, así como pola apertura dunha "negociación".

Así mesmo, a xornada deste martes estará acompañada por dúas manifestacións, unha na Coruña e outra Vigo, que darán inicio ás 12:00 horas e que percorrerán as rúas de senllas cidades para "deixar constancia de que isto é un conflito laboral".

Pola súa banda, a Consellería publicou este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se determinan os servizos mínimos e que establece a presenza da dirección ou dun membro do equipo directivo que a substitúa, xunto cun subalterno ou subalterna por cada centro educativo.

Así como a cobertura mínima do 20 % do persoal docente e do 20 % do persoal complementario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade