A seca e a calor non auguran bo ano para a castaña
O ano pasado comercializáronse en Galicia uns 14 millóns de quilos de castaña
En quince días comeza a colleita
Malia que xa é posible mercar castañas nalgunhas froiterías, a recollida masiva deste froito non comezou, faltan aínda unha ou dúas semanas máis. Con todo, a colleita deste ano non se prevé demasiado boa por culpa das condicións meteorolóxicas que estamos vivindo, con moita calor, moito sol e con pouca auga.
"Hai unha mala previsión porque Galicia é moi diversa. Na maior parte das zonas do interior o que é a capa freática está moi profunda e a seca é moi elevada. Naquelas zonas onde hai un terreo máis forte e onde veu algunha auga que non fixo dano pode haber castiñeiros con boa produción. Entendo que vai ser nas variedades tardías como longal, xudía ou famosa, e nas zonas tamén máis elevadas", di Manuel López, secretario do Consello Regulador da IXP Castaña de Galicia.
A calor e pouca choiva que estamos a vivir desde hai uns quince anos nos outonos galegos por mor do quecemento global, segundo nos conta Manuel repercute na colleita da castaña.
"Moitos castiñeiros teñen un estrés hídrico tremendo. Veulles auga e agora unhas calores elevadas. Prevese moita calor, co cal é moi difícil conseguir castaña de calidade", di López.
O cambio climático tamén está mudando as esixencias para a produción da castaña. Estímase que o ano pasado comercializáronse en Galicia uns 14 millóns de quilos de castaña, as máis delas expórtanse. Con todo, nas froiterías empezan a verse as primeiras.
"Non é moi boa pero, en teoría, é mellor que a que traemos de fóra. É cativa pero saborosa", di Hassan Alrahi, froiteiro en Lugo.
"Xa fixen tres veces castañas asadas, e hai de todo", di unha clienta.
A calor prevista para estes días non vai axudar a que mellore a calidade do froito nos soutos.