Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta chama á prudencia pola seca: "A chuvia que caeu non é suficiente"

A Xunta chama á prudencia pola seca: "A chuvia que caeu non é suficiente"

O 40 % dos concellos galegos están parcialmente ou completamente afectados pola escaseza conxuntural de auga segundo a última actualización

Europa Press
G24.gal 07/10/2026 15:54

A conselleira de Medio Ambiente sinalou este mércores que, aínda que a seca que vive Galicia non debe xerar alarma, é necesario seguir sendo prudentes porque as precipitacións dos últimos días non foron suficientes para reverter a escaseza.

"A choiva que caeu non soluciona a situación dos encoros", dixo durante a presentación do último balance climatolóxico de MeteoGalicia, onde lembrou que a choiva tormentosa "non son todo o beneficiosas" que se desexaría contra a seca.

O 40 % dos municipios galegos (127) están parcialmente ou completamente afectados pola escaseza conxuntural de auga, segundo a última actualización da Xunta, que ademais declarou en situación de seca prolongada os sistemas dos ríos Ulla-Tambre e da Costa Norte, un total de 74 concellos da Coruña, Lugo e Pontevedra.

A oficina técnica da seca volverá reunirse a próxima semana, avanzou Vázquez, quen avisou de que está "segura" de que durante unha tempada Galicia continuará na mesma situación e insistiu en manter a "cautela" e evitar regas e lavados de coches.

O segundo setembro máis cálido desde 1961

Galicia viviu o segundo setembro máis cálido da serie histórica (1961), cunha temperatura media de 20,4 graos, 2,4 graos por encima do normal nesta época do ano, e choveu a metade do habitual.

Só setembro de 2018 foi máis caloroso que o deste ano, segundo o balance climatolóxico de MeteoGalicia presentado este mércores, que recolle que a anomalía foi máis forte nas temperaturas máximas, de 3,6 graos, que nas mínimas (1,2 graos).

Foi un mes cálido en todos os puntos de Galicia, segundo Juan Taboada, coordinador do observatorio meteorolóxico galego, que lembrou que os dous setembros anteriores (2024 e 2025) foron fríos, polo que "o feito de que esteamos a encadear bastantes meses con temperaturas elevadas non quere dicir que siga sendo así nos seguintes anos".

En canto á choiva, a precipitación media acumulada situouse ao redor dos 37 litros por metro cadrado, un 52 % menos do habitual en comparanza coa serie histórica e con choiva concentrada nos días 8, 29 e 30 do mes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade