Publicador de contidos

Publicador de contidos

Problemas pola seca en Forcarei: "Levamos cinco días sen auga na nosa aldea"

Problemas pola seca en Forcarei: "Levamos cinco días sen auga na nosa aldea"

En Soutelo de Montes encheron os depósitos municipais con camións cisterna

Na aldea de San Marcos, con traída veciñal, levan sen servizo desde o xoves

 

G24.gal 29/09/2026 14:25

Os veciños de San Marcos están desesperados.

"Levamos desde o xoves, non entra auga no manancial e houbo que pechar a subministración, se entra aire despois as tubaxes non as recuperas".

"Tiven que ir ducharme a Cacheiras a casa da miña irmá, a 45 km de aquí".

Levan cinco días sen auga na casa nin nas fontes e os que teñen pozo comparten cos veciños as poucas reservas que lles quedan.

"Eu teño pozo, pero igual seca mañá. Eles non teñen nin para beber, non hai nada de auga".

"A min déixame a veciña auga do seu pozo con mangueira e despois carrexo os caldeiros ata a casa, á miña idade".

Nesta aldea a traída non é municipal, senón veciñal. Pero o manancial que abastece os seus depósitos está ao mínimo e tiveron que cortar o servizo.

"A ver se o deposito sobe desta maneira, pero en cinco días nin unha cuarta subiu".

Malia que existe a posibilidade de facer outra captación, a falta de acordo entre veciños e algúns comuneiros bloquea a solución.

"Non hai acordo porque uns veciños non queren gastar os cartos do monte na nova captación de auga".

Desde o Concello valoran axudalos enchendo o depósito con cisternas, tal e como fixeron en Soutelo de Montes a pasada semana. 

"Falamos co Concello pero non dan feito porque o problema está en moitos sitios, non só aquí, e primeiro van os que pagan pola auga, nós aquí temos traída nosa".

Grazas ás cisternas en Soutelo teñen servizo, pero cómpre non malgastar nin unha pinga.

"Hai moito consumo, o normal é que escasee".

"Mellor non malgastar e usar só o imprescindible, que a semana pasada houbo lugares en que faltou".

"A semana pasada houbo cortes de noite. Fano para ver se recuperan os depósitos e poder abastecernos polo día".

Co paraugas nas costas e mirando ao ceo agardan que se cumpran as previsións e que cheguen as anunciadas chuvias despois de case seis meses de seca.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos