Publicador de contidos

Publicador de contidos

Chaman "mono" e "negro de merda" a un xogador do club de balonmán da Caniza nun partido nas Canarias

Chaman "mono" e "negro de merda" a un xogador do club de balonmán da Caniza nun partido nas Canarias

Unha persoa do público chamou "mono" e "negro de merda", entre outros insultos, ao xogador angolano de 23 anos, que decidía abandonar a cancha por este motivo 

O equipo arbitral parou o encontro e os últimos 7 minutos xogáronse a porta pechada 

O club da Paradanta denunciou tamén os estragos que sufriu un dos vehículos alugados polo club ao final do partido

Mateus de Almeida, xogador que sufriu os insultos racistas. TVG.
G24.gal 29/09/2026 15:17

Mateus de Almeida, xogador de balonmán do club da Caniza, escoitou "mono" e "negro de merda", entre outros insultos, dende a bancada no partido que xogaron esta fin de semana en Canarias fronte ao Gáldar.

Insultos que obrigaron o equipo arbitral a desaloxar o público nos últimos minutos do encontro, xogándose a porta pechada. 

Antes, o propio xogador decidía abandonar a cancha.

"Díxenlle ao adestrador que non podía seguir xogando e o arbitro díxome que estivese tranquilo porque el tamén acababa de escoitar eses insultos", asegurou o xogador.

Mateus, de 23 anos e nacido en Angola, conta que lle sentou moi mal escoitar que un afeccionado do público lle chamaba "mono" e "comezaba a facer xestos coa cabeza, como se fose un animal".

"É duro velo así, ao final é un mozo que ven doutro país e aquí non ten familia, a única familia que ten somos nós, e iso é o que máis me afecta", manifestou Domingo Borja, o adestrador do Caniza Saeplast. 

O equipo arbitral parou o partido e eses últimos sete minutos xogáronse a porta pechada tras desaloxar todo o público da bancada.

"Desaloxouse a persoa implicada no feito, que non quería marchar, e tiveron que desaloxar o pavillón por completo", engadiu Domingo Borja.

O acontecido, recollido na acta arbitral, podería ter graves consecuencias para o equipo local que negou estes feitos. Este mércores o comité de competición decidirá a posible sanción se se confirma o sucedido.

"A min dáme igual que nos dean os dous puntos ou non. Eu non vou polos puntos, eu vou polo respecto ás persoas negras, para que non volva pasar", afirmou Mateus.

O club da Paradanta xa emitiu un comunicado denunciando estes feitos e tamén os estragos que sufriu un dos vehículos alugados polo club ao final do encontro. Tamén aproveita para amosar todo o seu apoio e da afección ao seu xogador. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade