O Cangas volve perder pola mínima na pista do Ademar León (33-32)
Os galegos foron quen de remontar e colocarse por diante na segunda metade (27-29)
A seca goleadora final fixo que os leoneses volvesen adiantarse, e quedaron co triunfo
Non está a ter sorte o Frigoríficos do Morrazo nesta nova temporada da Liga Asobal. O cadro cangués acumula tres derrotas nas tres primeiras xornadas, e as dúas últimas foron pola mínima, cun idéntico resultado de 33-32.
Na pista do Ademar de León, os de Quique Domínguez pagaron un mal inicio, que os locais aproveitaron para acadar un parcial de 5-1. Despois dunha máxima desvantaxe de 9-4, os galegos foron entrando no partido e conseguiron empatar a 11, para chegar ao intervalo cun resultado manexable de 17-15.
Na segunda metade, o Cangas apertou, remontando un 25-22 para colocarse por primeira vez por diante (26-27) no minuto 17. Entrou o partido no treito decisivo, e aí un parcial de 4-0 a prol dos locais resultou decisivo (32-30, min 29'). Cun so minuto por diante, os cangueses xa non foron quen de reaccionar e encadearon esta terceira derrota consecutiva, con Hugo Vila e Boesen ancabezando a notación con cadanseus 6 tantos. No cadro local, Gonzalo Pérez Arce anotou 8/8, e Juan Castro achegou 7 goles e 9 asistencias.