O Cangas abre a Liga Asobal con derrota en Granollers (38-34)
Foi un partido igualado que chegou ao descanso cun so gol de vantaxe para os cataláns
Foto: @BMGranollers
Comezou a Liga Asobal, e fíxoo con derrota do Frigoríficos do Morrazo na pista do Granollers. Foi un partido moi igualado, no que durante toda a primeira metade os dous equipos tiveron alternativas no marcador. Os galegos gozaron de vantaxe nos primeiros minutos, e os cataláns non foron quen de distanciarse en máis de dous tantos, chegando ao descanso cunha vantaxe mínima de 20-19.
A continuación comezou cun 4-1 a prol dos locais que, a partir de aí, foron sempre por diante no electrónico. As reaccións do Cangas conseguiron deixalo a so dous tantos, pero volvía restablecerse unha vantaxe a prol do Granollers que acabou asegurando o triunfo por 38 a 34. Pablo Urdangarín foi o máis efectivo dos locais, con 8 tantos. Por parte galega destacaron Arnau Fernández, con 9, e Manu Pérez, que anotou os seus 6 lanzamentos.