O Cangas presenta a Pelle Boesen, director de xogo danés para Quique Domínguez
Pelle é fillo de Lasse Boesen, exxogador do Portland Santo Antonio e internacional por Dinamarca
O central danés Pelle Boesen converteuse na primeira fichaxe do Balonmán Cangas para a tempada 2026/2027. Boesen firma por dúas tempadas e chega procedente do OIF Arendal noruegués. Formado nas categorías inferiores do Kolding, internacional júnior con Dinamarca, Boesen tamén ten experiencia continental ao disputar co equipo noruegués a Copa EHF.
"É un central puro, con capacidade para ler o xogo e cunha conexión moi boa co pivote. É o xogador que consideramos necesario para completar a nosa primeira liña. A pesar da súa altura, é un xogador moi rápido e conta cun potente lanzamento entre liñas", comentou o director deportivo do club, Óscar Fernández
O ADN balonmanístico corre polas súas veas. Pelle é fillo de Lasse Boesen, exxogador do Portland Santo Antonio e internacional por Dinamarca, e a súa nai, Lene Motzkus, tamén vestiu a elástica nacional. Mesmo o seu avó Jens xogou a este deporte, como porteiro do Kolding.