O Cangas volve perder diante do Valladolid no Gatañal (36-40)
FOi un partido de anotación moi alta, que os pucelanos racharon cun parcial de 0-6 mediada a primeira metade
Os galegos colocáronse a 3 goles a un minuto do final, sen tempo para culminar a remonta
O Cangas sumou a cuarta derrota noutros tantos encontros, confirmando o seu maql inicio nesta nova temporada na Liga Asobal. Logo de dúas derrotas pola mínima, desta volta caeron por catro goles (36-40) diante do Valladolid no Gatañal, nun partido en que concederon demasiadas opcións de anotación ao rival.
O encontro comezou igualado, con alternativas no marcador ata o 8-8. Foi aí cando o Valladolid acadou un parcial de 0-6, colocándose cunha renda de 6 tantos que se adicou a conservar ata oi remate do tempo regulamentado.
Os cangueses mantiveron o ritmo anotador a partir de aí, pero eses seis de desvantaxe semellaban un atranco imposible de reducir. Na segunda metade chegouse á máxima desvantaxe aos dez minutos, cun 19-28 que non fixo baixar os brazos aos locais.
No treito final os cangueses colocáronse a só tres tantos en dúas ocasións, pero sen tempo de consumar a remonta. Un último tanto de Pisonero, que remataba con 5, os mesmos que Abdelazize, e por detrás de Emparan, máximo anotador con 9, colocou o 36-40 final que deixa ao Cangas sen puntuar logo de 4 xornadas. Pola parte galega, Boesen marcou 8 goles sen erro no lanzamento. Rivero, Pestic e Gayo achegaron 4.