O Frigoríficos pide a nulidade do gol da vitoria do Bidasoa no Gatañal
O club cangués considera que o gol do internacional español Mario Nevado, que lle deu o triunfo ao Bidasoa Irún (32-33) no Gatañal, estaba fóra de tempo
Foto Rober Pastoriza
O Frigoríficos do Morrazo presentou este luns alegacións ante o Comité de Competición da Federación Española ao considerar que o gol do internacional español Mario Nevado, que lle deu o triunfo ao Bidasoa Irún (32-33) no Gatañal, estaba fóra de tempo. O club galego denuncia “a irregularidade” do lanzamento da primeira liña do equipo irundarra porque se produce “claramente fóra de tempo”, e xustifícao coas imaxes televisivas tras o tempo morto de Quique Domínguez.
O adestrador do Frigoríficos, tal e como recolle tamén a Federación Española na súa páxina web, parou o partido no minuto 59:26 tras o gol de penalti de Iñaki Cavero para o Bidasoa. A partir de aí, o Frigoríficos, alén do cronómetro da retransmisión televisiva, achega na súa proba gráfica un novo temporizador para evidenciar que o lanzamento de Nevado prodúcese “despois dos 34 segundos que restaban para finalizar o partido”. Neste caso, os servizos xurídicos do club cangués entenden que non se trata de “un rearbitraje” e acóllense ao artigo 179 do regulamento de partidos e competicións da Federación Española.
“En ningún suposto, o Comité Nacional de Competición procederá a rectificar, anular ou deixar sen efecto as decisións arbitrais adoptadas durante o encontro, excepto no suposto no que considere acreditado que as mesmas influíron, inxustificada ou antideportivamente, no resultado final do encontro, todo iso, sen prexuízo, no seu caso, de impoñer as sancións a que se fixesen acredores os árbitros pola súa actuación”, apunta o citado artigo.