A TVG retransmitirá o cuadrangular Interpontes de balonmán
Dende as 19:00, xusto despois do Teresa Herrera Feminino, comezará o Cisne VS Veszprém
O venres, na G2 e Agalega, a final entre os gañadores do Cisne-Veszprém e do Cangas-Porto
O deporte non para na Televisión de Galicia. Despois do Teresa Herrera Masculino de onte, e xusto ao rematar o Teresa Herrera Feminino de hoxe entre Dépor Abanca e Porto (G2, 17:00), dará comezo na G2 a retransmisión do cuadrangular Interpontes de balonmán.
O pavillón municipal de Pontevedra acolle este torneo. A primeira semifinal do torneo entre o equipo anfitrión, o Cisne de Pontevedra, e o conxunto húngaro do Veszprém. O rival dos galegos é un dos clubs de referencia no balonmán europeo, catro veces finalista da Champions League e dirixido desde o banco por Xavi Pascual, exadestrador do Octavio de Vigo e do F. C. Barcelona.
O venres, tamén a partir das sete, a G2 e Agalega.gal ofrecerán a final entre o gañador do Veszprém-Cisne e do Cangas-Porto. Tomás Alonso narrará as dúas citas, cos comentarios do prestixioso adestrador Víctor García 'Pillo'. En teoría, os favoritos para pelexar polo título son os dous equipos estranxeiros, polo que a final de consolación terían como protagonistas aos dous cadros galegos.
O cuadrangular Interpontes naceu en 2025 como iniciativa conxunta do Concello de Pontevedra e o Club Cisne Balonmano, coa vontade de encher de novo o pavillón e achegar o balonmán de elite á boa vila. Nesta segunda edición incorpórase como coorganizador a S. D. Teucro, reforzando así o carácter de referencia deportiva que os dous clubs pontevedreses queren dar ao evento a nivel nacional e internacional.