O Balonmán Cangas presenta a Hugo Vila
O valenciano ten só 20 anos e acaba de xogar o Europeo Júnior con España
O Balonmán Cangas segue conformando o seu equipo para a tempada 2026/27. Tras presentar a semana pasada a Pestic, onte tocoulle a Hugo Vila. É un extremo zurdo valenciano, que provén do Benidorm e que disputou con España o Europeo Júnior deste verán.
Comentou Hugo Vila que antes de asinar falou con Nacho Moyano, exadestrador do Cangas co que coincide na selección. O seleccionador Júnior díxolle ao extremo que en Cangas ía sentirse coma na casa.
Falando del mesmo, Vila asegurou que o que o define como xogador é "a súa fame competitiva". Na conferencia de prensa tamén comentou que Cangas é un sitio ideal para a xente nova, e que xa tiña esa visión antes de chegar.
A nova fichaxe do Balonmán Cangas asina por dúas tempadas, en que buscará achegar nivel ao equipo, mellorar como xogador e converter a proxección que ten en realidade.