Carlos Domínguez xogará no Real Oviedo
O central do Celta marcha cedido, completando así o tope de 6 cedidos a equipos nacionais
O Real Oviedo e o Celta alcanzan un acordo pola cesión de Carlos Domínguez. O central vigués estaba na rampla de saída e finalmente xogará no conxunto ovetense ás ordes de Julián Calero. Seguirá o mesmo percorrido que David Costas, co que, sobre o papel, xogará na zaga.
Carlos Domínguez ten aínda dous anos de contrato. A tempada pasada disputou 927 minutos en 13 partidos: 8 en liga, 3 de Europa League e 2 de Copa do Rei.
O Celta completa con esta operación o seu cupo de cesións a nivel nacional, que é de 6. Carlos Domínguez súmase a Dotor (Málaga), Sotelo e Manu Sánchez (Levante), Damián (Cádiz) e Unai Núñez (Español).
Os celestes seguen activos no mercado, buscando saídas para Manu Fernández e Carles Pérez, e incorporar como mínimo un extremo. O nome que soa con máis forza para esta posición e Exequiel Zeballos, de Boca Juniors.