Publicador de contidos

Publicador de contidos

TVG e Agalega.gal retransmiten o mércores o Deportivo-Real Madrid do Teresa Herrera 

TVG e Agalega.gal retransmiten o mércores o Deportivo-Real Madrid do Teresa Herrera 

O xoves, a G2 ofrecerá o trofeo feminino entre o Dépor Abanca e o Porto

G24.gal 10/08/2026 09:10

A TVG e Agalega.gal retransmitirán en directo este mércores 12 de agosto, a partir das 21:00 horas, o partido entre o R. C. Deportivo e o Real Madrid, correspondente á 81ª edición do trofeo Teresa Herrera, no estadio de Riazor. O encontro supón a presentación oficial do Deportivo ante a súa afección tras o regreso do club coruñés á Primeira División e marca a volta do conxunto branco ao torneo coruñés trece anos despois da súa última participación, en 2013.

O Deportivo é o máximo gañador da historia do torneo, con 26 títulos, mentres que o Real Madrid ocupa o segundo posto con nove. A última final entre ámbolos dous data de 2001, cando o Deportivo derrotou por 2-1 ao Real Madrid dos galácticos.

De cara a esta nova etapa na Primeira, o Deportivo reforzouse coas incorporacións de Teun Gijselhart, Leo Román, Bright Ede, Lorenzo Amatucci, Jonathan Asp Jensen e Pierre-Emerick Aubameyang, seis fichaxes cos que a dirección deportiva completou as principais liñas do equipo antes do arranque ligueiro.

Pola súa banda, o Real Madrid encara a tempada 2026-27 baixo as ordes do novo adestrador José Mourinho e coas chegadas de Marc Cucurella, Bernardo Silva, Ibrahima Konaté, Denzel Dumfries, Yan Diomandé e Carlos Espí como principais reforzos oficializados para este mercado de verán.

O Deportivo, ás ordes de Antonio Hidalgo, encadea unha pretemporada sen derrotas: goleou ao Compostela (0-4), empatou sen goles ante o Oviedo, gañou por 1-0 ao Lugo, empatou a dous fronte ao FC St. Pauli, tamén igualou (1-1) coa Fiorentina e pechou a súa xira italiana cunha vitoria por 0-1 fronte ao Genoa.

O Real Madrid, na súa primeira pretemporada baixo o mando de Mourinho, gañou por 4-1 ao Leganés en partido a porta pechada, empatou a dous fronte á Fiorentina en Austria e venceu por 2-1 ao Ferencváros en Budapest no seu último test antes de medirse ao Deportivo en Riazor.
A narración do encontro estará a cargo de Suso Iglesias, cos comentarios técnicos dos adestradores Tito Ramallo e Javier Oreiro.

O Trofeo Teresa Herrera feminino, o xoves entre o Dépor Abanca e o Porto


A G2 e Agalega.gal emitirán o xoves 13 de agosto, a partir das 17:00 horas, o XIV Trofeo Teresa Herrera feminino, que enfrontará ao Dépor Abanca co FC Porto, tamén no estadio de Riazor.

O Dépor Abanca, da man do novo preparador Alberto Rodríguez, afronta o compromiso cun cadro de xogadoras renovado en profundidade. Entre as incorporacións máis destacadas figura a da colombiana Daniela Caracas, procedente do RCD Español e con ficha ata 2028, así como o ascenso ao primeiro equipo das canteirás Paula Redruello, Lucía Rivas e Ainoa Gómez, recentes campioas de Europa sub-19 coa selección española. A isto súmase a continuidade definitiva de Marisa García, que pasa a ser propiedade do club tras militar a temporada anterior cedida polo Real Madrid.

Roberto Carlos Carballo encargarase da narración dos noventa minutos de xogo, acompañado nos comentarios técnicos polo adestradora e xornalista Sara Gallego.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade