Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Sergas propón na Atención Primaria unha retribución segundo os pacientes complexos que se teñan e o illamento

O Sergas propón na Atención Primaria unha retribución segundo os pacientes complexos que se teñan e o illamento

O conselleiro de Sanidade expresou as súas "boas sensacións" nas negociacións cos sindicatos tras o encontro deste luns para abordar o novo modelo retributivo

G24.gal 29/09/2026 14:50 Última actualización 29/09/2026 15:24

O conselleiro de Sanidade expresou as súas "boas sensacións" respecto ás negociacións en marcha cos sindicatos sobre a reforma de Atención Primaria. Este luns reuníanse ambas as partes para abordar o novo modelo retributivo en Primaria, entre outras cuestións. As negociacións continuarán este mércores cunha nova reunión na que se estudarán as novas alegacións.

O conselleiro explicou que avanzan na reforma traballando en medidas como a integración de novas categorías profesionais e novas retribucións "tendo en conta unha formulación máis moderna da sanidade", entre outras. O responsable sanitario augura que na sectorial extraordinaria deste mércores queden as negociacións "definitivamente" pechadas.

Segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade, o novo modelo retributivo proposto para Primaria terá en conta, ademais do volume de poboación asignada a cada profesional, a complexidade dos pacientes e as condicións en que se presta a asistencia.

Máis concretamente, para as categorías de medicina de familia, pediatría e enfermería, propúxose a creación dunha nova modalidade retributiva que asigna un maior valor a aquelas cotas que conten con pacientes pertencentes a tramos de idade que necesitan unha maior atención sanitaria. Así, as tarxetas sanitarias ponderaranse segundo a idade dos pacientes.

Deste xeito, unha tarxeta sanitaria dun menor de 0 a 2 anos ou dunha persoa de 81 ou máis anos terá un peso tres veces superior ao dunha tarxeta estándar, mentres que as correspondentes aos tramos de 3 a 6 anos e de 66 a 80 anos terán un peso dobre.

A proposta estende este compoñente retributivo ligado á poboación atendida ao conxunto das categorías de Atención Primaria, adaptando o cálculo ás características de cada categoría profesional e á poboación de referencia asignada.

Así mesmo, "e para protexer as prestacións sanitarias naquelas zonas con menor poboación", contémplanse diferentes compensacións económicas para os profesionais cando desempeñen o seu labor en municipios que dispoñan dunha única praza e conten cun número mínimo de tarxetas asignadas.

Nesta liña, tamén se terá en conta a dispersión xeográfica. A maior dispersión e necesidade de desprazamento, maior será o recoñecemento retributivo que se propón.

Tamén se pretende reforzar o factor de illamento para os profesionais que presten servizo en localidades especialmente afastadas, atendendo a criterios como a distancia aos principais núcleos urbanos e aos hospitais, o tamaño da poboación ou as características da zona na que se presta a asistencia.

Tense en conta tamén o factor da soidade, previsto naqueles supostos nos que non exista no municipio outro profesional da mesma categoría.

A CIG foi a que se veu mostrando máis crítica cos borradores da reforma. Respecto á reunión deste luns, denunciaron que pretenden negociar os cocientes de persoal "sen poñer os datos encima da mesa".

Máis concretamente, afean que non se concrete canto privado se incrementará nas diferentes categorías, como se distribuirá entre as áreas sanitarias nin como se aplicará ese incremento durante o período 2027-2030.

"Sempre hai discusión, sempre hai debate, sempre hai controversias. Pero, ao final, as dúas partes teñen que ceder en algo, e coa maioría dos sindicatos vai haber boa relación. Con outros sabemos que nunca imos chegar a un acordo", sinalou Gómez Caamaño, en clara referencia á CIG.

Por outra banda, durante a reunión tamén se presentou unha planificación de recursos humanos para os próximos anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade