Rouban 1.500 litros de combustible na maquinaria das obras da autovía Tui-A Guarda
A subtracción produciuse en varias máquinas no treito que vai desde o enlace de Areas ata a PO-350
A suba do gasóleo está a producir unha repunta dos roubos de combustible, o último deles aconteceu na última semana na autovía AG-42 entre Tui e A Guarda.
A Garda Civil investiga a subtracción de 1.500 litros, valorado en 3.000 euros, de varias máquinas que traballan nas obras desta infraestrutura.
Segundo confirmaron fontes do Instituto Armado, os feitos sucederon en dúas noites diferentes na zona de Pexegueiro, en concreto, no treito que vai desde a ligazón de Areas ata a PO-350.
"O primeiro que nos faltou foi aí abaixo, na estrada, e alí dun día para outro quedou a máquina seca e perdemos 300 litros. Despois chegamos un día pola mañá e vimos que abriran as máquinas, roubaron extintores e todo revolto. Ao día seguinte volveu faltar gasolina doutra máquina e así durante dous ou tres días", conta Antonio Pardo, o encargado da maquinaria.
Agora, a investigación trata de esclarecer como se subtraeu o combustible e como foi trasladado, así como identificar aos presuntos autores.
"Os últimos días xa deixabamos a obra pechada para que non pasasen con coches, pois aínda así faltou. O gasóleo está polas nubes", engade.
A Garda Civil xa investiga os feitos e busca os autores dos roubos. Polo de agora descoñécese cal foi o método que empregaron para levar o combustible.
"Non sei como fixeron, traerían unha mangueira e chuparían do depósito. Como o fixeron non o sabemos, pero levar, levaron", explica Antonio Pardo.
Nas últimas semanas tamén denunciou varios roubos de combustible, en camións de diferentes empresas, a Federación de Transportistas.