Detida unha muller por múltiples roubos de bolsos na zona monumental de Pontevedra
O valor do subtraído ascende a máis de 14.000 euros
A Policía Nacional puxo en marcha a operación Vecchia para investigar estes furtos, que xeraron moita inseguridade cidadá
O xulgado decretou o seu ingreso en prisión por 10 delitos de furto e 2 leves de furto
Efectos roubados recuperados pola policía
A Policía Nacional de Pontevedra detivo unha muller como presunta autora de máis de dez delitos de furto de bolsos na zona monumental aproveitando o descoido das vítimas.
Segundo informou o corpo policial nun comunicado, a operación Vecchia investigaba a "onda" de subtraccións de bolsos nesta zona da cidade do Lérez, que chegou a xerar inseguridade cidadá.
A policía recuperou numerosos obxectos roubados
A autora intentaba pasar desapercibida nos locais e terrazas simulando facer chamadas telefónicas ou falar con outras persoas mentres subtraía os bolsos ao descoido das vítimas. O valor do roubado ascende a máis de 14.000 euros.
Tras as diferentes investigacións, o pasado domingo os axentes realizaron unha entrada e rexistro no domicilio da presunta autora e recuperaron multitude de efectos, algúns xa foron recoñecidos polas vítimas.
Por iso, imputáronlle dez delitos de furto e dous leves de furto. A detida pasou a disposición da autoridade xudicial que decretou o seu ingreso en prisión.