Turismo de Galicia prevé unha ocupación media do 80% na ponte do Pilar
O clúster agarda picos de ata o 90% grazas ao bo tempo e as festas previstas
Establecementos de cidades como Lugo ou Santiago xa colgaron o cartel de completo
Son moitos os que volven escoller a nosa comunidade para unha escapada nesta ponte do Pilar en que nos visitan sobre todo dende o resto de España. Dende o sector da hostelería cren que os datos de ocupación van superar os do ano pasado.
"Estanos dando xa uns datos dunha ocupación entre un 70 e un 80%, tanto na costa coma no interior, cun prezo medio de 90 euros e estancias de dous días. O sábado é o día que máis medra e ademais cun 70% de turismo nacional, turismo de proximidade", explica Jesús Picallo, o vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia.
Un dos destinos preferidos nestas datas é a Ribeira Sacra, un enclave privilexiado para gozar das paisaxes do outono, unha estación que sempre funcionou moi ben para o turismo rural.
"Coma sempre ou casi sempre estamos cheos, xa dende hai tempo, ademais. E este ano coicidiu un congreso grande en Santiago, así que estamos cheos", di Javier Goyanes o propietario da Casa Grande do Bachao.
Tamén as cidades están a ser un foco de atracción nesta ponte con moitos establecementos que xa colgaron o cartel de completo. De feito, calculan que a ocupación media en cidades como Vigo ou Santiago vai superar o 90%.
As previsión para esta primeira ponte do outono seguen a tendencia dun verán en que Galicia recibiu máis de dous millóns de viaxeiros.
"Pero sen dúbida Galicia é o grande escaparate a nivel nacional, está de moda. Polo crecemento que temos foi un dos mellores veráns en ocupación, en noitadas ou en restauración", afirma Jesús Picallo.