A calor adía a compra de roupa de temporada
Os comercios adáptanse aos veráns que se alongan para manter as vendas
As tendas de roupa xa foron recibindo as coleccións de outono: xerseis, chaquetóns... A estación chegou ao calendario pero non aos termómetros e, aínda que empezou a refrescar ás noites, a calor non axuda á venda dos artigos de temporada.
"Faise un pouquiño pesado con esta calor probar un xersei de la", recoñece unha moza.
"Coa calor que vai, a quen lle apetece poñer algo de inverno?", pregúntase unha muller.
"Imos aguantando coa roupa que temos do verán", explica unha nai.
"Eu poño o de verán cunha chaqueta", conta outra moza.
Os comercios tratan de adaptarse á extensión do verán, mantendo a roupa lixeira a man.
"Ata onte tiñamos camisas de manga curta na tenda. Agora etán no almacén e se alguén precisa camisas ou roupa de verán aínda está de man", puntualiza Carlota Magariños, do comercio Ricar Moda de Pontevedra.
"Mantense un pouco de ropa de verán xunto coa de inverno", dinos María de La Cueva, dependenta da tenda Nonna de Pontevedra.
Este mes de setembro rompeu marcas históricas de calor en Galicia, pero din os comerciantes que non é o primeiro verán que tarda en dar paso ao outono.
"Xa hai un par de anos que se nota. Setembro está vindo moi bo e mesmo outubro nos últimos anos está sendo bo", concreta María La Cueva.
"Eu lémbrome de ter moitas camisas de franela aquí e agora a franela é algo excepcional", engade Carlota Magariños.
A clientela atrasa o cambio de armario pero máis dun admite que a tentación de renovar o vestuario está aí.
"Persoalmente si que me apetece cambiar o armario porque a roupa de verán xa non dá para máis", di unha rapaza.
"Si vou ás tendas seguro que pico, aínda que faga calor", admite outra muller.
Hai tamén quen aproveita para reclamar un outono colorido.
"Eu non entendo por que ten que relacionarse o outono coas cores apagadas. Deberiamos ser máis alegres en inverno", opina un home.