OPINIÓN
Riqueza con raíces, por María Bastida
En Galicia, cando falamos do monte, case sempre acabamos falando de incendios. Hoxe falamos de investimento, de industria e de vivenda. E xa é un bo cambio.
A Xunta quere que, progresivamente, o 20 % das novas edificacións autonómicas utilicen madeira na súa estrutura. O interesante é todo o que pode pasar entre a árbore e o edificio. Ter materia prima é unha vantaxe, e Galicia produce arredor de 9,8 millóns de metros cúbicos de madeira ao ano. Pero esta riqueza ten dúas limitacións.
A primeira é que non é algo automático. O noso monte produce moita madeira, pero ¿qué madeira? Non necesariamente a que precisa a construción. Por exemplo, agora mesmo temos abundante eucalipto destinado á celulosa, mentres que a madeira estrutural require piñeiro de calidade, e iso depende de como xestionemos o monte. Para que a estratexia funcione, habería que avanzar cara a unha silvicultura orientada á madeira de calidade, que pode tarda anos en dar resultados. A segunda limitación é que temos que pensar que unha parte importante do valor se xera despois, ao transformar a madeira, deseñar compoñentes e fabricar estruturas. Cantas máis desas actividades fagamos aquí, máis renda e emprego poderán quedar en Galicia.
E aí, precisamente, onde a compra pública pode axudar. Unha empresa pénsao moito antes de mercar maquinaria ou contratar traballadores se non sabe se vai ter pedidos. Se a Administración ofrece unha demanda estable, con prazos e encargos concretos, reduce esa incerteza e facilita o investimento. Por iso, o éxito haberá que medilo en función do investimento mobilizado, do valor engadido e das empresas que poidan manterse despois sen depender das subvencións.
Con todo, o obxectivo está claro. Que o monte produza máis riqueza e que esa riqueza bote raíces aquí. Porque un monte que dá cartos é un monte que se coida. E un monte coidado arde menos. Ou non arde.