Feridos varios cans tras comer comida con cravos en Ferrol
Os propietarios de mascotas coidan que foi intencionado porque non ocorreu nun parque, senón nun campo entre dous edificios na zona de Bretón
En Ferrol saltaba a alerta esta semana. Varios cans resultaran feridos ao inxerir comida con cravos. Ocorreu na zona do Bertón, nun campo situado entre dous edificios, e os animais precisaron de atención veterinaria.
Un dos casos foi o dunha muller que se decatou de que o seu can mastigaba algo. Despois de conseguir quitarllo da boca, comprobou que se trataba dun cacho de tortilla de patacas con cravos no seu interior.
Por desgraza non foi o único caso que se rexistrou estes días. Outro can, que se saiba, resultou tamén danado ao inxerir comida depositada na zona.
Dáse a circunstancia de que a zona onde se produciron estes problemas non é un parque, senón que se trata dun campo situado entre dous edificios de vivendas. Os propietarios de mascotas coidan que foi intencionado. Fan un chamamento para extremar a vixilancia e aconsellan tomar precaucións.