A Xunta anuncia bonificacións no canon da auga para os concellos e empresas que axuden a evitar o desperdicio
A Xunta anuncia bonificacións no canon da auga para os concellos e empresas que axuden a evitar o desperdicio
Serán do dez por cento para os municipios que informen das perdas e do cen por cento para os que aposten pola reutilización
A conselleira de Medio Ambiente anunciou novas axudas aos municipios en 2027 para elaborar plans de emerxencia e cofinanciar obra para reducir perdas de auga, cunha dotación de ata 10 millóns de euros
A Xunta de Galicia anuncia bonificacións no canon da auga para os concellos e empresas que axuden a evitar o desperdicio de auga. Serán do dez por cento para os municipios que informen das perdas e do cen por cento para os que aposten pola reutilización.
Foi a resposta que deu a conselleira de Medio Ambiente a unha pregunta parlamentaria do BNG sobre as medidas do Goberno galego para facer fronte á seca.
Vázquez recoñeceu que Galicia viviu o verán máis seco dos últimos 65 anos e sinalou que xullo rexistrou un 85 % menos de precipitacións, aínda que defendeu que a Xunta actuou para evitar "un escenario máis grave".
A conselleira anunciou novas axudas aos municipios en 2027 para elaborar plans de emerxencia e cofinanciar obra para reducir perdas de auga, cunha dotación de ata 10 millóns de euros, e previu no proxecto de orzamentos para 2027 unha partida de 1,4 millóns para mantemento de encoros, alén de investimentos en redes, captacións e potabilizadoras.
Vázquez insistiu en que o Perega permitirá reforzar a eficiencia e a garantía do abastecemento e asegurou que a Xunta seguirá estudando a construción de novos encoros "cando estea xustificada".
Así mesmo, reclamou máis implicación da Confederación Hidrográfica e considerou que Galicia necesita máis coordinación entre administracións na xestión da auga.
Diagnóstico errado
A deputada do BNG Montserrat Valcárcel reclamou este mércores á Xunta un plan de abastecemento de auga "con prazos, orzamento e participación", e defendeu que a prioridade ante a seca debe ser reparar as redes de distribución, reutilizar a auga e recuperar os ecosistemas antes de expor novos encoros.
Durante unha interpelación no Parlamento galego, Valcárcel observou que a Oficina Técnica da Seca declarou o pasado 15 de outubro unha seca prolongada en toda a demarcación Galicia-Costa, con 123 municipios incluídos en unidades con escaseza e os encoros de abastecemento ao 44,7 %, uns 14 puntos menos que un ano antes.
A deputada cuestionou as previsións da conselleira de Medio Ambiente en febreiro, cando afirmou que a choiva desde comezos de ano permitiría abastecer a Galicia durante uns 113 anos.
"E non chegou nin para o verán", ironizou a parlamentaria, antes de cualificar a afirmación da representante da Xunta de "diagnóstico errado".