Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Constitucional rexeita o recurso do Defensor do Pobo contra a lei de netos

O Constitucional rexeita o recurso do Defensor do Pobo contra a lei de netos

Considera prematuro admitilo a trámite

G24.gal 21/10/2026 13:07

O Tribunal Constitucional (TC) decidiu por ampla maioría non admitir a trámite o recurso que presentou o Defensor do Pobo contra a decisión do Tribunal Supremo de suspender o voto nas próximas eleccións xerais para os nacionalizados pola lei de netos que non demostren que son descendentes de exiliados.

Así o acordou o Pleno da corte de garantías este mércores, despois de estudar o recurso de amparo interposto a pasada semana.

O Defensor do Pobo reclamou ao Constitucional que, por "urxencia excepcional", declarara "de forma inmediata nulos os autos do Supremo que, tanto en setembro coma en outubro, ratificaron a paralización do voto de forma cautelar.

Segundo o seu recurso, tamén quería que o TC ordenase á Xunta Electoral Central que se mantivese a vixencia e inclusión dos cidadáns españois residentes no estranxeiro e rexistrados no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) "do xeito anterior a esas resolucións, de modo que poidan, se así o desexan, exercitar o seu dereito ao sufraxio activo nas próximas eleccións xerais".

O organismo que preside Ángel Gabilondo incidía en que a celebración de eleccións o próximo 29 de novembro "implica unha serie de trámites e actos preclusivos moi próximos no tempo que, neste caso, non poderían cumprirse de non adoptarse a medida cautelar de xeito inmediato".

Ao seu entender, a decisión do Supremo vulnera os dereitos á igualdade, á participación nos asuntos públicos e á tutela xudicial efectiva.

Os argumentos do Defensor do Pobo

"O obxectivo fundamental deste recurso é conseguir o restablecemento do dereito fundamental ao sufraxio activo, ao voto, de algo máis de 160.000 cidadáns españois mediante a estimación do amparo. E, con iso, preservar o dereito ao sufraxio activo sen limitacións non previstas na normativa electoral", sinalaba.

E destacaba que "o vínculo entre ser español e o voto é indisoluble", engadindo que "desde unha perspectiva de dereitos fundamentais" é "moi problemática a posibilidade de privar, temporal ou definitivamente, deste dereito fundamental", porque "podería perderse a nacionalidade española (nunca a española de orixe, como dispón a Constitución)", "pero a condición de votante non a pode perder ningún español mentres o sexa, pois nin sequera o Código penal prevé a pena de perda do sufraxio activo (elixir), senón do pasivo (ser elixido)".

Así mesmo, advertía de que a paralización cautelar do dereito ao voto ten especial significación con motivo da convocatoria de eleccións, dado que "a perentoriedade dos prazos do procedemento electoral fai practicamente imposible o voto das persoas afectadas pola suspensión nestas eleccións".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade