Publicador de contidos

Publicador de contidos

O xabaril arrasa coa metade dos pastos dunha granxa de Fene onde se alimentan 30 cabezas de gando

O xabaril arrasa coa metade dos pastos dunha granxa de Fene onde se alimentan 30 cabezas de gando

Unha situación que dificulta o aproveitamento das pradeiras e que supón importantes perdas económicas

G24.gal 11/11/2026 13:52

Semella que as leiras foron aradas, pero non por un tractor. O responsable, o xabaril, que, día tras día, deixa pegada nesta granxa do lugar do Campanario, en Fene.

"Xa levamos dous meses, día tras día, que son ataques continuos do xabaril e xa non sabemos que facer. Normalmente vén polas noites e como aquí temos froiteiras comen as mazás, as peras...", explica Carlos Mosquera, o propietario da granxa O Campanario.

Das dez hectáreas que ten a explotación gandeira, o porco bravo estragou o 50 por cento delas.

"Hectáreas que empregamos na primavera para pasto e tamén para segar. Pero vemos que non podemos renovar agora os pastos porque esa noite xa vai vir outra vez o xabaril", lamenta Carlos.

Unha situación que dificulta o aproveitamento das pradeiras e que supón importantes perdas económicas.

"As perdas son importantes e máis agora neste contexto de seca que hai menos produción de herba. É algo que nos vai afectar moitísimo na primavera que é cando ensilamos para o inverno que vén. E imos estar obrigados a mercar herba a outra explotacións", conta Mosquera. 

Carlos di sentirse impotente porque estes ataques se repiten constantemente e pouco ou nada pode facer para evitalos.

"Temos tres fíos de pastor con corrente, pero non fan caso e estragan o fío de abaixo e entran. Dálles corrente, pero teñen fame e queren comer", conclúe este granxeiro de Fene.

Reclama solucións mentres ve como o traballo de meses queda arrasado en cuestión de horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade