O 74 % dos maiores de 80 anos xa están vacinados contra a gripe
Sanidade comezou a citar as persoas entre os 60 e 69 anos para recibir a vacina de alta dose que ata o de agora estaba reservada aos maiores de 70 anos e aos grupos prioritarios de poboación
Se vostede está entre os 60 e os 69 anos, seguramente xa recibiu no seu móbil unha convocatoria do Sergas para recibir a vacina de alta dose contra a gripe, que ata agora só estaba reservada para os maiores de 70.
Un espectro de idade en que entra o propio titular de sanidade, que fai un chamamento á participación.
"Protexerse un mesmo para así protexer os demais. Participar nunha campaña de vacinación é un exercicio de xenerosidade e solidariedade con toda a xente que nos rodea" dixo Antonio Gómez Caamaño.
A ampliación do grupo diana para esta dose é unha das principais novidades da campaña de vacinación deste ano. Tamén inclúe o persoal de servizos esenciais e determinados traballadores con exposición laboral. Se non a reciben pódena reclamar por Internet, no teléfono de atención do Sergas ou no centro de saúde.
Tamén, outra novidade importante este ano é o programa piloto para menores en que participan 75 centros escolares galegos.
A Consellería de Sanidade agradece o compromiso da cidadanía coa vacinación, xa que Galicia rexistra unha das taxas de coberturas superiores á media estatal.
"Insistir á poboación de que goce dun dos mellores programas de vacinación do mundo", dixo o Conselleiro de Sanidade esta mañá.
Hai varias semanas que as inoculacións xa se levan realizando nas residencias da terceira idade e nos centros para persoas con discapacidade.
A campaña de vacinación remata o 31 de decembro.