Arranca en 14 hospitais o ensaio da vacina combinada contra gripe e covid
A iniciativa ten como obxectivo principal avaliar a capacidade da vacina combinada para previr hospitalizacións derivadas destas infeccións respiratorias agudas
Os participantes serán asignados aleatoriamente a dous grupos: un recibirá a vacina combinada fronte á gripe e a covid, mentres que o outro será vacinado con ambos os preparados por separado
A Xunta iniciou este sábado nos 14 hospitais públicos galegos o ensaio clínico Combogal, que avaliará a efectividade da vacina combinada fronte á gripe e a covid en persoas maiores de 65 anos, con especial atención á súa capacidade para previr hospitalizacións.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou esta mañá o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela para supervisar o comezo do estudo, acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; o xerente da área sanitaria, Ángel Facio, e o investigador principal do proxecto, Federico Martinón.
O ensaio, desenvolvido en colaboración entre Galicia e Dinamarca, levarase a cabo durante cinco fins de semana consecutivas nos 14 hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
A iniciativa, aprobada polo Consello da Xunta o pasado 13 de outubro, ten como obxectivo principal avaliar a capacidade da vacina combinada para previr hospitalizacións derivadas destas infeccións respiratorias agudas.
Para iso, a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, está a enviar mensaxes SMS informativos a unhas 730.000 persoas, que poderán acceder mediante eles ao sistema de autocita.
O Goberno galego prevé alcanzar unha participación de entre 110.000 e 130.000 persoas durante as campañas de vacinación de 2026 e 2027-2028, cunha estimación de entre 55.000 e 65.000 participantes por tempada.
De acordo coa metodoloxía do estudo, os participantes serán asignados aleatoriamente a dous grupos: un recibirá a vacina combinada fronte á gripe e a covid, mentres que o outro será vacinado con ambos os preparados por separado.
A Xunta sinala que a vacina combinada xa foi avaliada e autorizada para a súa administración, polo que o ensaio non pretende demostrar a súa eficacia básica, senón comparar estratexias de vacinación e determinar cal ofrece mellores resultados para protexer á poboación maior.
A simplificación do proceso mediante unha única vacina podería favorecer o mantemento das coberturas vacinais, reducir a fatiga asociada á vacinación e diminuír as diferenzas entre a aceptación das vacinas contra a gripe e a covid, alén de facilitar a organización das campañas sanitarias.
O conselleiro de Sanidade animou á poboación para participar no estudo, co que Galicia pretende reforzar a protección das persoas maiores e avanzar na aplicación da evidencia científica ás políticas de saúde pública.
As persoas interesadas poden solicitar cita a través da aplicación Sergas Móbil ou chamando ao teléfono 900 842 217, habilitado de 10.00 a 20.00 horas.
Haberá citas dispoñibles desde esta fin de semana e durante cinco fins de semana consecutivas nos 14 hospitais públicos galegos. Ademais, por primeira vez nun estudo destas características en Galicia, o consentimento informado poderá asinarse electronicamente.