Máis de 730.000 maiores inician este sábado o ensaio clínico da vacina conxunta da gripe e da covid
O que se pretende é investigar se a vacina combinada é máis eficaz ca as vacinas aplicadas por separado
Galicia comezará este sábado, 17 de outubro, o ensaio clínico Combogal para avaliar os posibles beneficios de que as persoas de 65 ou máis anos se vacinen cunha única dose fronte á gripe e á covid en lugar de con dúas vacinas.
O Consello da Xunta deu luz verde a este ensaio clínico, para o que nos próximos días se enviarán mensaxes SMS á poboación seleccionada, arredor de 730.000 persoas maiores de 65 anos.
O estudo, promovido desde Dinamarca, realizarase no marco da campaña de vacinación ordinaria, polo que na propia citación para vacinarse no centro de saúde tamén se informará da posibilidade de acudir ao hospital e participar no ensaio clínico.
O que se pretende é investigar se a vacina combinada contra a gripe e a covid pode reducir o risco de hospitalización por gripe e covid, así como o de complicacións e morte relacionadas con estas infeccións, en persoas de 65 anos ou máis.
O efecto compararase coa vacinación mediante unha vacina antigripal de alta dose e unha vacina contra a covid administradas simultaneamente en inxeccións separadas.
A participación será sempre voluntaria, co obxectivo de que participen arredor de 110.000 persoas entre a campaña de vacinación que xa está en marcha e a da tempada 2027-2028.
Loita contra as adiccións
O Goberno galego autorizou este martes someter a consulta pública o novo Plan galego de prevención de condutas adictivas 2026-2030, que prestará especial atención á protección da mocidade e dos colectivos máis vulnerables.
O documento sitúa como principais retos a prevención do inicio temperán no consumo de alcohol, tabaco e cánnabis; a diminución dos consumos de risco da poboación máis nova e a redución da frecuencia de episodios de embriaguez e consumo de alcohol, ademais de incluír como conduta adictiva o xogo presencial ou en liña e o uso compulsivo de Internet.
Aplicación de orientación laboral
A Xunta tamén porá en marcha nos próximos días a aplicación móbil EMi (Emprego intelixente), unha ferramenta de intelixencia artificial coa que o Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) xa realizou o perfilado competencial de máis de 119.000 persoas e que reforza os servizos de orientación laboral á cidadanía.
A nova aplicación permitirá ás persoas usuarias obter os seus propios perfilados competenciais, así como acceder a datos do mercado de traballo, e incorpora novos recursos apoiados na IA, como un xerador de currículos e un adestrador de entrevistas.
Estas funcionalidades de orientación e información súmanse ás xestións básicas da demanda de emprego que xa se podían facer a través da aplicación móbil Mobem, aínda que, a diferenza desta, que estaba dirixida ás persoas demandantes de emprego, será de acceso para toda a cidadanía.
Este martes, o Goberno galego acordou remitir os proxectos de decreto do Estatuto das Mulleres do Rural e do Estatuto das Mulleres do Sector Marítimo-Pesqueiro para seren sometidos ao ditame do Consello Consultivo de Galicia, coa previsión de que estean aprobados antes de final de ano.