Trump impón novos aranceis á UE, á China e ao Xapón
Hai outros once países aos que se lle aplicarán tamén estes gravames que poden chegar a ser dun 20 % adicional
Polo momento decidiron excluír do aumento das taxas a México e Noruega
Reuters
O Representante de Comercio dos Estados Unidos anunciou novos aranceis a 14 economías, incluídas a China, o Xapón e a Unión Europea de ata o 20 % por prácticas arancelarias que considera inxustas e que desequilibran a balanza comercial bilateral.
A proposta de novos aranceis, que se anuncian como parte da sección 301 tras un período de revisión, afectará ata nun 20 % adicional a algunhas importacións chinesas, que poderían verse afectadas por un aumento ata o 40 %, especialmente para facer fronte á produción en exceso da industria chinesa para empuxar prezos de competidores á baixa.
O Representante Jamieson Greer asegurou que estes aranceis á China poderían aumentar ata o 40 % se non prosperan os acordos asociados á tregua comercial acordada o verán pasado entre o presidente estadounidense, Donald Trump, e o seu homólogo chinés, Xi Jinping.
Os aumentos dos aranceis tamén afectarán a economías aliadas como as da Unión Europea, India, o Xapón, Singapur e Corea do Sur, mentres que polo momento os Estados Unidos decidiron excluír do aumento dos gravames a México e Noruega.
Os anuncios de posibles aumentos arancelarios débense ao que os Estados Unidos consideran "capacidade en exceso" desas economías e que afectan directamente á capacidade industrial e empregos nos Estados Unidos en competencia.
Segundo indicou Greer en CNBC, o anuncio de novos aranceis está en liña con acordos comerciais bilaterais, como o límite do 15 % acordado coa UE, Xapón, Corea do Sur ou Taiwán.
Os aranceis non serán inmediatos, xa que baixo a lei invocada para impoñer estes gravames antes o Goberno debe cumprir varios procesos, incluídas audiencias, consultas públicas e outras esixencias que segundo Greer deberían estar completados nos próximos dous meses.
Para Greer, na maioría dos casos o aumento arancelario acabará sendo duns poucos puntos porcentuais e non chegará ao máximo.