Unha xuíza de Madrid investiga Leire Díez e o expresidente de Correos e cítaos o día 9
A maxistrada admite a querela de Vox por fraude na contratación, prevaricación, malversación e tráfico de influencias tras a orde da Audiencia Provincial
A xuíza requírelle a Correos os expedientes completos dos contratos e pídelle ao caso Koldo os correos sobre a remisión de contratos á trama
A exconcelleira socialista Leire Díez á súa chegada á sede do PSOE en Ferraz, o 3 de xuño de 2025 (Carlos Luján/Europa Press)
A xuíza de Madrid Carmen Valcarce admitiu a trámite unha querela de Vox contra a exmilitante do PSOE Leire Díez e o expresidente de Correos Juan Manuel Serrano por fraude na contratación pública, prevaricación administrativa, malversación de fondos públicos e tráfico de influencias, e citou ambos os dous a declarar o vindeiro 9 de decembro.
A titular da praza número 5 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Madrid adoptou esta decisión nun auto, datado o pasado 16 de novembro, despois de que a Audiencia Provincial revogase un mes antes a decisión da maxistrada de rexeitar a querela por sustentarse en recortes de prensa.
Vox recorreu esta decisión e a Audiencia deulle a razón ao entender que o "valor indiciario" que ofrece a querela "non pode descartarse pola consideración xenérica e exclusiva de que o coñecemento de tales documentos aparece exposto en informacións xornalísticas".
"Se os documentos, e os procedementos administrativos ou xudiciais nos que se sustentaron estes (os indicios), son verdadeiros e reais, resultarán susceptibles dunha comprobación obxectiva e facilmente verificable, o que exclúe a hipótese de que se trate da formulación de meras sospeitas ou simples conxecturas", determinaron os maxistrados na súa resolución, á que tamén tivo acceso EFE.
Ante esta decisión, a xuíza cita agora os querelados o 1 de decembro para darlles traslado da querela antes de tomarlles declaración o día 9 nesta nova fronte que se lles abre, xa que ambos os están xa a ser investigados na Audiencia Nacional na causa sobre unha presunta trama para entorpecer procedementos xudiciais que prexudiquen o PSOE ou o Goberno.
Ademais, require a Correos que achegue os expedientes completos dos contratos identificados na querela e pídelle ao xulgado do caso Koldo na Audiencia Nacional os testemuños sobre a empresa pública e os correos electrónicos sobre a remisión de contratos á trama.
A querela de Vox, ademais de informacións xornalísticas, achega a transcrición dun vídeo sobre unha declaración do comisionista do caso Koldo Víctor de Aldama no Tribunal Supremo, onde dixo ter recibido 8 millóns de euros de Correos sen que existise un contrato formal.
Tamén fai referencia a correos electrónicos que aparecen na investigación do caso Koldo e que apuntan a que desde Correos, baixo a presidencia de Juan Manuel Serrano, se lle enviaría información dun contrato millonario á trama das máscaras antes de facerse pública a licitación.
Ademais, Vox pide investigar as presuntas irregularidades detectadas nun informe da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) sobre contratación interna na devandita empresa pública, así como un suposto conflito de intereses en relación cun contrato de 10 millóns de euros coa entidade Trablisa.
Outro dos contratos denunciados é o subscrito co grupo Bnext, entidade sancionada polo Banco de España, que formalizaría Leire Díez coa que era subsecretaria de Cultura para a xestión do bono cultural
No foco da investigación figuran varios contratos, entre eles con Evelop Airlines, daquela integrante do grupo empresarial Globalia, ao que pertence Air Europa, e con Innova Next, do grupo empresarial de Juan Carlos Barrabés, coñecido por codirixir con Begoña Gómez, esposa do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a cátedra na Universidade Complutense que derivou na causa que a levou a ela a xuízo.
A querela fíxase tamén na intervención "anómala" de Leire Díez nun contrato de equipos de aire acondicionado coa intermediaria Trade Intermedia Brokers, que triplicaron o seu prezo, e no cesamento do responsable do voto postal, coincidindo coa etapa da ex-militante socialista, pola contratación de persoas coas que mantiña relacións sentimentais.