O xuíz do caso Leire inclúe nunha peza secreta os pagamentos realizados polo PSOE a avogados
Esta decisión, recollida nun auto xudicial, adoptouse en resposta a unha solicitude do Partido Socialista
Fachada da sede do PSOE na rúa Ferraz de Madrid, este mes de maio (Diego Radamés/Europa Press)
O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz incorporou a información achegada polo Partido Socialista (PSOE) sobre pagamentos e encargos realizados a diversos avogados entre 2021 e 2025 a unha peza separada e confidencial, denominada "peza separada confidencial do PSOE".
O maxistrado —que instrúe o caso "Leire", relativo a presuntas manobras para entorpecer procedementos xudiciais que afectan o PSOE e o Goberno— restrinxiu o acceso a esta documentación exclusivamente ao Ministerio Fiscal ata que finalice a súa análise. Esta decisión, recollida nun auto xudicial —ao que tivo acceso a axencia EFE—, adoptouse en resposta a unha solicitude do Partido Socialista.
No seu escrito, o PSOE sinalou que a información abrangue cuestións protexidas polo segredo profesional. O partido tamén puxo de relevo que o país se atopa inmerso nun proceso electoral, advertindo que calquera "difusión fragmentada ou descontextualizada desta información podería causar un prexuízo que unha posterior rectificación non podería emendar".
Segundo o documento, o PSOE facilitou "información identificativa e económica que permite verificar a natureza, o volume e a finalidade dos gastos do partido en servizos xurídicos; uns desembolsos que, cómpre salientar, foron auditados e presentados ante o Tribunal de Contas".
Esta actuación prodúcese tras un requirimento do xuíz Pedraz, quen o pasado 23 de outubro solicitou ao partido que identificase os servizos xurídicos e de asesoramento contratados, prestados e aboados polo PSOE entre 2021 e 2025.
O PSOE achegou unha relación dos profesionais e despachos de avogados contratados por diversos órganos do partido nese período, detallando cada encargo "partida por partida" e achegando as facturas correspondentes; todo isto "co ánimo de colaborar plenamente coa xustiza e esclarecer os feitos".
No que respecta ao segredo profesional, os socialistas remitiron a cuestión ao Consello Xeral da Avogacía Española. O Consello sinalou, entre outros puntos, que dita protección é "máxima" no que respecta aos informes elaborados por un avogado, mentres que é só "parcial" no relativo a cartas de encargo, contratos e facturas; documentos que son susceptibles de ser obxecto de supresións parciais.
O PSOE recoñece, polo tanto, que "a invocación do segredo profesional debe ser específica e non xenérica". Ao tempo que reitera a súa "disposición e intención de colaborar", o partido tamén reclama un equilibrio entre "o obxectivo de investigación e verificación" e "a salvagarda do segredo profesional".
Salienta, ademais, que a información facilitada "non é irrelevante", e sinala que "outra información deste caso xa chegou anteriormente aos medios de comunicación". Por estes motivos, solicitou que o material se garde nun expediente separado e confidencial.