O Congreso vota o decreto de medidas urxentes para reforzar a seguridade ferroviaria
Reforza a supervisión e inspección da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria e recoñece o dereito dos traballadores a adoptaren as medidas necesarias e proporcionadas ante situacións de risco
A folga suspende 40 servizos en Galicia, incluídos tres trens rexionais fixados como mínimos
Marta Fernández/Europa Press
A Deputación Permanente votará este mércores a validación do real decreto lei de medidas urxentes para reforzar a seguridade ferroviaria e a protección dos seus profesionais, que clarifica as medidas ante posibles riscos, os tempos de condución de maquinistas e estende coeficientes redutores de xubilación a outras categorías.
O decreto foi aprobado o pasado martes polo Consello de Ministros tras o accidente de Urda, que deixou 69 falecidos, e logo das xornadas de folga convocadas no sector, unha delas este martes.
O texto incorpora os principios da cultura xusta á lei do sector ferroviario coa creación dun capítulo que regula a comunicación de riscos para a seguridade operativa ferroviaria e a protección do persoal, o cal permitirá que o persoal con funcións de seguridade operativa poida comunicar riscos a través de canles internas ou sistemas públicos de notificación que garantan a confidencialidade.
A regulación recoñece tamén o dereito dos traballadores a adoptaren as medidas necesarias e proporcionadas ante situacións de risco grave e inminente para a seguridade, para evitalas ou limitalas. Poderán incluír a interrupción da marcha dun tren ou a decisión de non iniciala, coa obrigación de comunicalo aos axentes correspondentes.
Tamén se reforza a supervisión e inspección da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria (AESF) ao permitirlle desenvolver as súas actuacións con independencia de que as instalacións, trens ou equipos necesarios para a inspección pertenzan á entidade supervisada ou a outra.
O decreto estende o réxime de Seguridade Social previsto ao persoal das empresas ferroviarias que operan en liñas interoperables e/ou na Rede Ferroviaria de Interese Xeral para garantir a igualdade de trato en materia de coeficientes redutores da idade de xubilación para os profesionais que desempeñan as mesmas funcións.
O texto, que se someterá este mércores a votación, precisa que actividades e períodos deben computarse como tempo de condución e inclúe as manobras que impliquen o manexo do vehículo ferroviario en movemento e as interrupcións durante as cales o maquinista siga sendo responsable do vehículo, con atención á circulación ferroviaria ou manobras.
As axudas ás vítimas de Urda, o apoio a Ceuta e ás familias monoparentais, tamén a debate
A Deputación Permanente tamén votará este mércores a aprobación do real decreto lei para articular un paquete urxente de axudas económicas e sociais destinadas aos afectados polo accidente de Urda. Establécense indemnizacións directas e exentas de tributación no IRPF de 72.121,46 euros por falecemento e de entre 2.404,04 euros ata 84.141,7 euros para os feridos.
Así mesmo, a Deputación Permanente votará outras medidas urxentes, como o apoio financeiro a Ceuta tras a crise migratoria ou o recoñecemento e protección das familias monoparentais.