A Xunta formula requirimentos ao plan xeral de ordenación municipal de Ourense e o Concello denuncia un "bloqueo"
A Xunta formula requirimentos ao plan xeral de ordenación municipal de Ourense e o Concello denuncia un "bloqueo"
A Xunta considera que "persisten deficiencias en materia de protección do patrimonio arquitectónico, etnográfico e arqueolóxico" e que o catálogo de bens protexidos está "incompleto", ademais doutras puntualizacións
A Xunta emitiu un informe con requirimentos sobre o plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Ourense,
O alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, denuncia un "bloqueo" a través dun perfil nas redes sociais.
"Un informe que en calquera outra cidade de Galicia sería favorable con condicións, no caso de Ourense non o é, baseándose nos informes da Axencia Galega de Infraestruturas e Patrimonio Cultural", critica o concelleiro de Urbanismo, Francisco Lorenzo, nun comunicado emitido polo Concello.
Pola súa banda, a Xunta destaca que "se observan contradicións e incoherencias entre os diferentes documentos" do plan, e cita memorias, ordenanzas e prazos de clasificación e ordenación.
Fontes da Consellería de Infraestruturas advirten de que o Concello "debe corrixilos para permitir que o outorgamento de licenzas se faga en condicións de seguridade xurídica", en concreto co "obxectivo prioritario", segundo a Xunta, de que exista esa seguridade para os funcionarios municipais, os técnicos e os propietarios.
Mentres, o concelleiro de Urbanismo destaca que "sorprende enormemente o caso" de Patrimonio, "xa que foi consensuado en reunións previas entre os técnicos do Concello e os da Xunta". "A pesar do acordado, non foi respectado pola Xunta de Galicia", quéixase.
Ante esta situación, o Concello avanza que estudará o documento "en detalle" co equipo redactor e "analizará as opcións para continuar a tramitación do plan".
De "manterse este bloqueo por parte da Xunta de Galicia", a cidade de Ourense "vese condenada a seguir cun plan xeral de 40 anos de antigüidade", insiste.
Pola súa banda, a consellería que dirixe María M. Allegue afirma que o estudo económico do PXOM "debe ser actualizado" e que os prezos incluídos teñen 13 anos, "o que pode comprometer a viabilidade económica das actuacións de xestión e urbanización previstas".
"Tamén deben ser actualizados os plans dos servizos urbanísticos existentes, que xustifiquen a clasificación do solo urbano previsto", engade.
Ademais, Infraestruturas di que "debe xustificarse que as zonas verdes previstas cumpren as esixencias de accesibilidade universal e de non inundabilidade, para permitir o acceso e a permanencia da cidadanía, en concreto nos parques lineais das marxes fluviais do Miño, o Barbaña e o Barbantiño".
No solo rústico, "hai que establecer as proteccións especiais esixidas polas afeccións sectoriais concorrentes e xa reflectidas no plan básico autonómico", apunta, e cita as relativas á auga, ás infraestruturas e ao patrimonio, entre outras.
Ademais, a Xunta considera que "persisten deficiencias en materia de protección do patrimonio arquitectónico, etnográfico e arqueolóxico" e que o catálogo de bens protexidos está "incompleto".
También detecta "carencias importantes" na protección do patrimonio arqueolóxico e do Camiño de Santiago, no seu trazado da Vía da Prata.
Por último, critica que "non se corrixiron deficiencias para garantir unha protección efectiva dos bens culturais" e considera que "persisten erros na delimitación de ámbitos tan relevantes como o casco histórico e As Burgas".