Publicador de contidos

Publicador de contidos

O debate dos anuncios no mobiliario urbano: ensucian ou teñen utilidade?

O debate dos anuncios no mobiliario urbano: ensucian ou teñen utilidade?

Algúns semáforos e farois convértense en torres publicitarias

A maioría dos concellos prohibe esta práctica nas súas ordenanzas

Hai xente que atopou traballo grazas a este tipo de reclamos

O poste dun farol cuberto de adhesivos nunha rúa do barrio do Calvario en Vigo.
G24.gal 10/09/2026 14:35

Poden ser reclamos, simples adhesivos, ofertas ou mesmo algunha misteriosa invitación: "Café ou viño gratis!". Aínda que non son a maioría, nin moito menos, os postes de determinados farois ou semáforos convertéronse en auténticas torres publicitarias. Para algúns é un problema de urbanidade; para outros, un xeito útil de contactar cos demais.

"Non, eu creo que non é beneficioso porque se deixa de embelecer a cidade", opina unha muller a carón dun poste cheo de adhesivos en Vigo.

"Creo que a xente ten necesidade de traballar, non atopa traballo e por iso pega eses carteis aí", comenta outra moza.

A maioria das ordenanzas municipais prohibe esta practica. En Pontevedra, hai uns meses, chegaron a multar un home que colocara anuncios nos farois despois de que a Policía Local, facéndose pasar por un cliente, concertase unha cita con el.

"A persoa apareceu e dixo que non era el. Pero, claro, nese momento, os axentes chamaron ao teléfono e sooulle o timbre no peto", lembraba o pasado abril o concelleiro de Servizos urbanos básicos da cidade, Xaquín Moreda.

Pero son chamadas que ás veces poden cambiar unha vida. Máis dunha persoa conta que atopou traballo pegando anuncios.

"En farois, en locais, en calquera tipo de sitio", relata un mozo que asegura que conseguiu un emprego con este sistema en Ponteaeras.

"Si, eu fixen o ciclo de Auxiliar de Enfermaría e despois estiven buscando traballo. Na miña vila tamén colguei anuncios en locais e así, e acabei atopando traballo en Arbo", afirma a moza do anterior.

Estritamente, colocar estes adhesivos pode supoñer multas pero poucos concellos as aplican.

"Tería que haber uns sitios para poñer adhesivos, creo eu", valora unha muller.

Pois habelos, hainos. En Vigo, por exemplo, chámanse Soportes de Libre Expresión e hai varios colocados na cidade. Alí calquera pode pegar, en teoría, o que lle pete.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade