As obras para abrir Ferrol ao mar estarán rematadas en 2027
É o maior proxecto de transformación urbana de Ferrol en décadas
A derruba dun treito de muro permite alongar o centro da cidade ata o mesmo Arsenal Militar
É a maior obra de transformación urbana de Ferrol. Recuperar a fachada marítima dunha cidade que se desenvolveu de costas ao mar.
"Vense os edificios do Arsenal que son unha obra moi ben feita no seu tempo", di un veciño.
A primeira fase dos traballos está xa moi avanzada. A derruba dun treito de muro permite alongar o centro da cidade ata o mesmo Arsenal Militar.
"Queremos que Ferrol dea ese gran salto de transformación urbana que outras cidades fixeron hai anos", explica o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela.
Zonas de paseo, carril bici e mesmo unha praia artificial no barrio de Caranza. As obras habilitarán ademais novos espazos de estacionamento.
"Aparcamento fai moita falta. Sobre todo para os que vimos da zona rural", asegura unha veciña.
A recuperación completa da fachada marítima será unha realidade en 2027. Pero antes de que remate este ano xa se poderá gozar do paseo que transcorre a carón do Arsenal.