Pontevedra fai probas con mobiliario urbano ecolóxico
Bancos, xardín e máis mobiliario urbano están xa na céntrica praza de Barcelos de Pontevedra
Forma parte do proxecto Ambiance, que busca comprobar a durabilidade deste mobiliario sostible para instalalo no futuro
Integrar a ecoloxía nas cidades cada vez ocupa máis espazo. En Pontevedra a praza de Barcelos é xa un escaparate de novas solucións urbanas desenvolvidas con biomateriais. En principio van estar de proba 6 meses, pero a idea é que sexan o mobiliario urbano do futuro, por que? Pois porque son máis respectuosos co medio e están fabricados con bioplásticos. Os verdes, en concreto, con cana de azucre, iuca e outros vexetais similares. Os escuros, con materias de refugallo.
Galicia en xeral e Pontevedra en particular, polo compromiso manifesto que ten a cidade co medio, foi o lugar elixido para este laboratorio. Porque temos unhas condicións climáticas aptas para comprobar a súa durabilidade. Ricardo Losada, coordinador técnico do proxecto di que " polas estimacións que se fixeron consideran que se pode reducir o impacto da pegada de carbono arredor do 70 ou o 80 por cento". E contribuír cos obxectivos da Axenda 2030 para ter un planeta mellor.