O 112 xestiona máis de medio milleiro de incidencias relacionadas co temporal
O groso das intervencións estivo motivado por incidencias nas vías de circulación derivadas da caída de árbores e pólas nas estradas
A Xunta de Galicia mantén activo o Plan Especial ante o Risco de Inundacións
O aviso amarelo trae este martes chuvia, refachos de case 150 km/h e ondas de ata cinco metros
O 112 Galicia xestionou un total de 568 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa rexistrado entre as 00:00 h do luns 16 de novembro e as 18:00 h deste martes 17.
Durante este mesmo período, a sala de operacións atendeu un total de 3.525 chamadas por diferentes emerxencias. Do total de 568 incidencias, 220 correspóndense coa xornada deste martes.
Ata o de agora, o groso das intervencións estivo motivado por incidencias nas vías de circulación derivadas da caída de árbores e pólas nas estradas, que acumulou 203 casos. Tamén se rexistraron 59 actuacións de servizos de emerxencias para a prevención de riscos maiores, como a retirada de cascallos e o apuntalamento de muros), 38 incidencias por caída de cables de luz e teléfono, 18 por desprendementos de terra e pedras, e 17 por carteis ou sinais de tráfico danados. Por último, xestionáronse 12 intervencións por risco de derrubamento de partes de construcións, varios incidentes con material eléctrico e asolagamentos puntuais sen ter que lamentar danos persoais.
A distribución territorial sitúa á provincia da Coruña como a máis afectada con 224 incidencias, seguida de preto por Pontevedra con 179 avisos, Lugo con 108 e Ourense con 54. Entre os concellos máis castigados polo temporal destacan Santiago con 28 incidencias, Vigo con 23, A Estrada con 18 e Ponteareas con 15, ademais doutros puntos como Ourense, Vilagarcía de Arousa e Viveiro, que alcanzaron a ducia de avisos.
Ante as abundantes chuvias que afectan a boa parte da comunidade, a Xunta de Galicia mantén activo o Plan Especial ante o Risco de Inundacións (INUNGAL) en fase de preemerxencia, un nivel que garante o seguimento e control continuo dos cursos fluviais malia que ningunha estación supera polo de agora os niveis de seguimento.