Publicador de contidos

Publicador de contidos

Investigado un veciño da Caniza por un delito continuado de incendio forestal

Investigado un veciño da Caniza por un delito continuado de incendio forestal

Entre os incendios forestais máis salientables que se lle atribúen a este home atópanse os ocorridos do 15 de abril e do 4 de setembro do 2024 na localidade de Crecente, os cales queimaron 169 e 267,62 hectáreas respectivamente

G24.gal 18/11/2026 12:31

Axentes do Seprona, en colaboración con axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Xunta tomaron declaración en calidade de investigado a un veciño da Caniza de 49 anos ao que se vincula con ata nove incendios forestais ocorridos nos anos 2024 e 2025 que arrasaron centos de hectáreas.

Segundo informou este mércores a Garda Civil, entre os incendios forestais máis salientables que se lle atribúen a este home, ao que se tomou declaración o pasado venres, atópanse os incendios do 15 de abril e do 4 de setembro do 2024 na localidade de Crecente, os cales queimaron 169 e 267,62 hectáreas respectivamente.

Tamén se lle atribúe o incendio do 30 de xullo de 2025 na Caniza, que calcinou 295 hectáreas, e obrigou a activar, como sucedeu co do 4 de setembro, a situación 2 de emerxencia do Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA).

A investigación iniciouse o 15 de abril de 2024 cando se detectou no punto de inicio do lume un artefacto incendiario caseiro con mecha retardante. Posteriormente, noutros catro incendios da zona detectouse o mesmo artefacto incendiario correspondendo ademais cun mesmo patrón de queima e obxectivo, os límites dos Terreos Cinexeticamente Ordenados.

Durante o transcurso da investigación os axentes sospeitaron que a motivación dos incendios forestais estaría relacionada coa actividade cinexética. A persoa investigada estaría buscando iniciar desavinzas entre os cazadores pertencentes ao TECOR e os cazadores das zonas libres, á que el pertencía.

No ano 2025 continuaron atopando artefactos incendiarios de idénticas características en ata catro incendios forestais. Foi no incendio do 30 de xullo de 2025, que os axentes de la UIFO obtiveron unha imaxe que reafirmou aos investigadores a sospeitas sobre esta persoa, de modo que os axentes da Garda Civil sometérono a unha estreita vixilancia ata o momento da súa toma de declaración, período durante o cal non se produciron incendios relevantes na zona pero no que os axentes si observaron condutas nocturnas compatibles coa caza furtiva.

O pasado 11 de setembro, unha patrulla do Seprona interveulle no seu vehículo unha carabina do 22, así como munición e diferente material de despezamento. As dilixencias policiais foron entregadas no Tribunal de Instancia, Sección Civil e de Instrución Praza nº 2 de Ponteareas, onde se atopa aberta a causa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade