A Policía Nacional frustra un roubo nunha nave industrial en Lugo e detén un dos implicados
Durante a inspección da nave os axentes atoparon unha cizalla
O home detido foi posto á disposición xudicial, mentres continúan as investigacións para tratar de localizar e deter o outro implicado neste roubo frustrado
Policía Nacional
Axentes da Policía Nacional de Lugo detiveron un home como presunto autor dunha tentativa de roubo con forza nunha nave industrial en construción, onde foi pillado na allada cando trataba de subtraer cable de cobre.
A intervención produciuse tras un aviso da sala CIMACC 091, que alertaba da activación da alarma nunha nave industrial en construción.
Unha dotación acudiu ao lugar e, ao achegarse á parte posterior do inmoble, os axentes observaron dúas persoas que emprenderon a fuxida a pé. Tras unha persecución, lograron atrapar un deles dentro do propio recinto, mentres que o outro conseguiu fuxir por unha zona do valado perimetral que fora forzada.
Durante a inspección da nave, os axentes atoparon unha cizalla.
O home detido foi posto á disposición xudicial, mentres continúan as investigacións para tratar de localizar e deter o outro implicado neste roubo frustrado.